Acordo Ortográfico de 1990
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa de 1990, abreviado AO 1990 e tamén denominado Ortografia Unificada da Língua Portuguesa, é un tratado internacional de 1990 acordado co obxectivo de crear unha ortografía unificada para o portugués, para ser utilizada por todos os países lusófonos. Foi asinado por representantes oficiais de Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal e San Tomé e Príncipe en Lisboa o 16 de decembro de 1990.[1] Tras recuperar a independencia, Timor-Leste adheriuse ao Acordo en 2004. O proceso de negociación que resultou no Acordo contou coa presenza dunha delegación de observadores da Galiza.[2]
Este artigo ou sección precisa dunha revisión ortográfica e/ou de gramática (recurso útil: corrector ortográfico en liña de galego). Podes axudarte do revisor ortográfico, activándoo en: Preferencias → Trebellos → Navegación → Ortografía: Activar o revisor ortográfico. Colabora connosco neste artigo e noutros en condicións semellantes para que a Galipedia mellore e medre. |
Acordo Ortográfico de 1990 | |
---|---|
Páxina de dicionario en que se indican cambios adoptados no Acordo Ortografico, particularmente os grupos consoantes cultos. | |
Tipo de texto | Língua e ortografia |
Data | 1990 |
Lingua | Portugués |
Localización | Lisboa (ratificado despois nas diversas capitais da CPLP |
Función | Maior unidade ortográfica da lingua portuguesa e desenvolvemento dun Vocabulario, coa incorporación de léxico particular de toda a Lusofonía (incluídos portuguesismos, brasileirismos, africanismos e mesmo galeguismos). |
O Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa de 1990 pretende establecer unha ortografía oficial unificada para a lingua portuguesa, co obxectivo explícito de pór fin á existencia de dúas normas ortográficas oficiais diverxentes, unha no Brasil e a outra nos restantes países lusófonos, contribuíndo así, nos termos do preámbulo do Acordo, a aumentar o prestixio internacional do portugués. Na práctica, o acordo establece unha unidade ortográfica do 98 % das palabras, fronte ao 96 % da situación anterior. Porén, un dos efectos do Acordo foi dividir aínda máis estes países, creando agora tres normas ortográficas: a do Brasil, a de Portugal e os demais países africanos de lingua portuguesa, que non aplicaron o Acordo a pesar de o asinaren. Os impulsores do Acordo puxeron como un exemplo motivador[3] o castelán, que presenta diferenzas, tanto de pronuncia como de vocabulario entre España e Hispanoamérica, mais está suxeito a unha única forma de escritura, regulada pola Asociación de Academias da Lingua Española. Por outro lado, os opositores sinalaron o feito de que a grafía da lingua inglesa (e moitas outras) presenta variantes nos distintos países de fala inglesa, sen que a grafía inglesa fose obxecto de regulación lexislada polo Estado.
A adopción da nova ortografía, de acordo co anexo II do Acordo —a Nota explicativa do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa de 1990—,[4] que se basea nunha lista de 110 000 lemas da Academia das Ciências de Lisboa,[5] implica alteracións na ortografía de cerca do 1,6 % do número total de palabras (lemas) na norma vixente en Portugal, os países africanos de fala portuguesa (PALOP), Timor-Leste e a Rexión Administrativa Especial de Macau, e na grafía de arredor do 0,8 % do total de palabras (lemas) no portugués brasileiro.[6] Pero, segundo o vocabulario[7] elaborado en 2008 polo Instituto de Linguística Teórica e Computacional de Lisboa (ILTC) a partir da base de datos lingüísticos MorDebe[8] con 135 000 lemas, a porcentaxe de lemas afectados —ou sexa, palabras simples non flexionadas que constitúen entradas nun dicionario ou vocabulario— ascende a case o 4 % na norma europea.[9] Este número inclúe tanto as palabras que presentan cambios efectivos na ortografía como as que se converten en variantes legalmente válidas en toda a CPLP.
O contido substantivo e o valor xurídico do tratado non xerou consenso entre lingüistas, filólogos, académicos, xornalistas, escritores, tradutores e personalidades dos sectores artístico, universitario, político e empresarial das sociedades dos distintos países lusófonos. De feito, a súa aplicación causou discordancias por razóns técnicas, habendo quen sinala lagoas, erros e ambigüidades no texto do Acordo ou simplemente impugne a adecuación ou necesidade de determinadas opcións ortográficas, como a introdución de opcionalidades (é dicir, a posibilidade de que unha mesma palabra teña máis dunha grafía permitida) en varios dominios ortográficos (acentuación, maiúsculas e consoantes silenciosas), a supresión das chamadas «consoantes mudas» (é dicir, as que non se pronuncian), as novas regras de hifenização (uso do guión), o supresión do acento diferencial en varias palabras e a supresión do trema (diérese). Tamén houbo impugnacións ao Acordo por motivos políticos, económicos e xurídicos, e algúns mesmo afirmaron, en Portugal, que o tratado é «inconstitucional».[10] [11] Outros aínda afirmaron que o Acordo Ortográfico serve, sobre todo, aos intereses xeopolíticos e económicos do Brasil.[12] [13] A verdade é que o artigo 9.º (Tarefas fundamentais do Estado) da Constitución da República Portuguesa refírese expresamente ao uso e difusión internacional da lingua portuguesa, pero non se coñece opinión autorizada sobre a inconstitucionalidade do contido das bases ortográficas do Acordo de 1990.