Anatomía humana
From Wikipedia, the free encyclopedia
A anatomía humana é a ciencia —de carácter práctico e morfolóxico principalmente— dedicada ao estudo das estruturas macroscópicas do corpo humano, de maneira que se deixa o estudo dos tecidos á histoloxía e das células á citoloxía e bioloxía celular. A anatomía humana é un campo especializado dentro da anatomía xeral (animal).
Baixo unha visión sistemática, o corpo humano —como os corpos dos animais—, está organizado en diferentes niveis segundo unha xerarquía. Así, está composto de aparellos, integrados por sistemas, que á súa vez están compostos por órganos, que están compostos por tecidos, que están formados por células, que están formados por moléculas etc. Outras visións (funcional, morfoxenética, clínica etc.), baixo outros criterios, entenden o corpo humano dunha maneira algo distinta.