Biosíntese de proteínas
From Wikipedia, the free encyclopedia
A biosíntese de proteínas é o proceso por medio co cal as células biolóxicas xeran novas proteínas; está equilibrado pola perda de proteínas celulares por medio da súa degradación ou exportación. A tradución de proteínas é a ensamblaxe dos aminoácidos polos ribosomas, e é a parte esencial da vía biosintética das proteínas, que está precedida da formación do ARN mensaxeiro (ARNm) e a aminoacilación do ARN transferente (ARNt), e vai acompañada do transporte cotraducional, e sucedido pola modificación postraducional. A biosíntese de proteínas está estritamente regulada en varios pasos,[1] principalmente durante a transcrición (síntese de ARN a partir dun molde de ADN) e a tradución (a unión dos aminoácidos para formar a cadea polipeptídica a partir da información codificada no ARN).
O segmento de ADN correspondente a un cistrón é transcrito nun ARN mensaxeiro inmaturo, que sofre un procesamento dando lugar ao ARNm maduro, que se transportará ao citoplasma e se utilizará como molde na síntese da cadea polipeptídica. A proteína é xeralmente sintetizada directamente a partir da tradución do ARNm. Porén, cando unha proteína debe estar dispoñible inmediatamente ou en grandes cantidades, prodúcese unha proteína precursora. Unha proproteína é unha proteína inactiva que contén un ou máis péptidos inhibidores que pode ser activada cando a secuencia inhibidora se elimina por proteólise durante a modificación postraducional. Unha preproteína é unha forma que contén unha secuencia sinal (un péptido sinal N-terminal) que determina que a proteína se ten que inserir nunha membrana ou a través de membranas, é dicir, diríxea a un obxectivo para a secreción.[2] O péptido sinal é separado no retículo endoplasmático.[2] As preproproteínas teñen ambas as secuencias (inhibidora e sinal) aínda presentes.
Na síntese de proteínas, o ARNm únese ao ribosoma e unha serie de moléculas de ARNt son cargadas cos aminoácidos apropiados e levadas ao ribosoma, onde os seus anticodóns se aparean cos codóns complementarios do ARNm. Os aminoácidos son despois enlazados para formar a cadea proteica en crecemento, e os ARNt que deixaron alí o aminoácido que portaban e xa están baleiros son liberados do ribosoma. Este complexo proceso completo realízase no ribosoma, o cal está formado por ARN ribosómicos e máis de 50 proteínas diferentes. O ribosoma únese ao inicio do ARNm e móvese ao longo del, expoñendo os sucesivos codóns aos ARNt que van chegando ao ribosoma.[3]
A biosíntese de proteínas, aínda que é moi similar, é diferente en procariotas e eucariotas.