Bus (informática)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un bus, en Informática, é unha canle de comunicación formada por un conxunto de condutores paralelos que conectan dous ou máis dispositivos. A característica chave dun bus é que se trata dun medio de transmisión compartido. As liñas que compoñen un bus pódense clasificar en tres grupos funcionais:
- As liñas de datos do bus proporcionan o camiño para transmitir datos entre os módulos do sistema. O número de liñas do bus de datos determina o número máximo de bits que é posible transmitir ao mesmo tempo.
- As liñas de dirección empréganse para designar (direccionar) a fonte ou o destino dos datos enviados polo bus de datos. A anchura do bus de direccións determina a cantidade máxima de memoria (e de dispositivos de E/S) direccionable no sistema.
- As liñas de control empréganse para xestionar o acceso e o uso das liñas de datos e dirección, sinalizando peticións e recoñecementos e indicando que tipo de información pasa polas liñas de datos.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2012.) |
A denominación provén da industria eléctrotécnica, anterior á informática, na que se denominaban barras (en inglés bus bars) aos condutores paralelos en forma de barras dispostos nas subestacións, centros de transformación e cuartos de distribución en edificios. Por esta razón ao bus informático ás veces en tratados técnicos de electrónica dixital tamén se lle chama barras ou barramento.