Clasificación dos dinosauros
From Wikipedia, the free encyclopedia
A clasificación dos dinosauros empezou en 1842 cando Sir Richard Owen situou Iguanodon, Megalosaurus e Hylaeosaurus nunha "tribo distinta ou suborde dos Réptiles Saurios, para a cal propoño o nome de Dinosauria."[1] En 1887 e 1888 Harry Seeley dividiu os dinosauros en dúas ordes Saurischia e Ornithischia, baseándose na súa estrutura pélvica.[2] Estas divisións demostraron ser moi perdurables, a pesar dos varios cambios de grande importancia que se teñen producido na taxonomía dos dinosauros.
O cambio máis grande foi proposto nas obras do entomólogo Willi Hennig da década de 1950, que evolucionaron orixinando a moderna cladística. Para espécimes coñecidos só por fósiles, a análise rigorosa de caracteres para determinar as relacións evolutivas entre diferentes grupos de animais (clados) demostrou ser tremendamente útil. Cando apareceron as análises baseadas na computación feitas usando a cladística na década de 1990, os paleontólogos convertéronse nos primeiros zoólogos en adoptar estre sistema case incondicionalmente.[3] O escrutinio progresivo e o traballo sobre as interelacións entre os dinosauros, coa axuda de novos descubrimentos que botaron nova luz sobre as previamente incertas relacións entre taxons, empezaron a producir unha clasificación estable desde a metade da década de 2000. Aínda que a cladística é o sistema de clasificación predominante entre os profesionais da paleontoloxía, o sistema linneano está aínda en uso, especialmente en traballos pensados para a súa distribución popular.