Climograma
gráfico de temperaturas e precipitacións nun ciclo anual / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un climograma ou diagrama climático é un gráfico de dobre entrada que representa temperaturas e precipitacións correspondentes a unha Estación meteorolóxica nun ciclo anual. Os datos acostuman ser medias mensuais e normalizadas (medias de observacións de 15 anos ou máis) e represéntase a evolución destas ó longo dos doce meses do ano. Normalmente represéntanse as temperaturas cun gráfico liñal e as precipitacións con barras. É un gráfico moi sinxelo e que permite estudar as características básicas do clima dun lugar. Resulta moi práctico representar a escala das precipitacións ó dobre das temperaturas (sempre que non teñamos uns valores moi elevados de precipitacións), deste xeito os meses en que se produce aridez, que segundo o índice de Gaussen son aqueles nos que a precipitación é inferior ó dobre das temperaturas, vense moi claramente, xa que as barras das precipitacións van por baixo da curva de temperaturas. Delimitar os meses áridos é moi útil para o estudo das características dun clima. Tanto a temperatura como a precipitación teñen que referirse a datos medios sobre un número amplo de anos observados: uns trinta se se queren obter conclusións climáticas significativas, uns cinco se se queren estudar as tendencias conxunturais, ou tamén dun só ano.