Conclave
From Wikipedia, the free encyclopedia
O conclave é a reunión que celebra o Colexio Cardinalicio da Igrexa católica para elixir a un novo Bispo de Roma, cargo que leva aparellados o de Papa (Sumo Pontífice e Pastor Supremo da Igrexa Católica) e o de Xefe do Estado Vaticano.
O termo conclave procede do latín “cum clave” ("baixo chave"), polas condicións de reclusión e máximo illamento do mundo exterior en que debe desenvolverse a elección, co fin de evitar intromisións de calquera tipo. Este draconiano sistema de encerrar os electores do Papa, vixente polo menos dende o II Concilio de Lión (1274), foi mitigado por Xoán Paulo II na Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis (UDG), sobre a Vacante Apostólica e a elección do novo Pontífice (22 de febreiro de 1996). Establécese nela que os electores poden residir, mentres dura o conclave, na recentemente construída Casa de Santa Marta, unha residencia para o efecto no propio Vaticano, pero mantendo a rigorosa prohibición de calquera clase de contacto co mundo exterior.
Dende fai séculos, os conclaves teñen lugar na Capela Sistina, dentro do complexo Vaticano.