Cronoloxía das guerras entre os Jin e os Song
From Wikipedia, the free encyclopedia
As campañas das guerras entre os Jin e os Song tiveron lugar na dinastía Jin (jurchens) e a dinastía Song durante os séculos XII e XIII. Os jurchens eran unha confederación tribal de fala tungú nativa de Manchuria que derrocaran ós khitan (dinastía Liao) en 1222 e declararon o estabelecemento dunha nova dinastía, a Jin.[1] As relacións diplomáticas entre a dinastía Jin e a Song empeoraron até o punto de que os jurchens declararon a guerra á dinastía Song en novembro de 1125.[2]
Os jurchens enviaron dous exércitos contra os Song: un deles capturou a capital provincial, Taiyuan, mentres o outro asediou a capital Song, Kaifeng. Os jurchens retiráronse cando os Song prometeran pagar unha indemnización anual.[3] Mentres a dinastía Song se volvía cada vez máis feble, o exército Jin levou a cabo un segundo asedio contra Kaifeng, a cal foi capturada e saqueada; o emperador da dinastía Song, Qinzong, foi apresado e levado ó norte cara a Manchuria como refén.[4] A parte restante da corte dos Song retirouse cara ao sur da China e comezou o período do Song do sur da historia chinesa.[1] Os Jin estabeleceron dous gobernos monicreques –primeiro a dinastía Da Chu e máis tarde o estado de Qi– como estado colchón entre os Song e Manchuria.[5]
Os jurchens dirixíronse cara ó sur co obxectivo de conquistar o Song do sur, pero as contraofensivas dos xenerais chineses con Yue Fei detiveron o seu avance.[6] Negociouse un acordo de paz, o tratado de Shaoxing, ratificado en 1142, que estabeleceu o río Huai como fronteira entre os dous imperios.[7] A paz entre os Song e os Jin foi interrompida dúas veces.[8] O emperador Jin Hailingwang envadiu o Song do sur no ano 1161,[9] mentres que os vingadores Song intentaron sen éxito recuperar o norte da China no ano 1204.[10]
As guerras contra os Song foron notables polo feito de xurdir novas innovacións tecnolóxicas. No asedio de De'an de 1132 empregouse por primeira vez a lanza de fogo, unha arma de pólvora primitiva, antecesora da arma de fogo.[11] O huopao, unha bomba incendiaria, empregouse en diversas batallas[12] e as bombas de pólvora feitas de ferro fundido foron usadas nun asedio do ano 1221.[13] Os jurchens migraron cara ó sur e estabelecéronse ó norte da China, onde adoptaron a lingua e a cultura confucionista dos habitantes locais.[1] O goberno da dinastía Jin evolucionou cara a unha burocracia imperial centralizada estruturada da mesma maneira que as dinastías chinesas anteriores.[14] Tanto esta dinastía coma a dinastía Song atoparon a súa fin durante o século XIII, cando o Imperio Mongol se expandiu por todo o continente asiático.[15]