Dólar da Liberdade sentada
antiga moeda estadounidense dun dólar de prata / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar da Liberdade sentada (en inglés: Seated Liberty dollar) foi unha moeda dun dólar de prata cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1840 e 1873, deseñada polo seu gravador xefe, Christian Gobrecht.
Dólar da Liberdade sentada (tipo 1) [1] | |
---|---|
A/: Figura sedente da Liberdade, con trece estrelas por riba, que representan as trece colonias orixinais. Nas súas mans, un pau da liberdade e un escudo coa inscrición LIBERTY. Data no exergo. | R/: Aguia con setas e pólas de oliveira nas poutas. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA. Valor facial no exergo: ONE DOL. |
|
Foi a derradeira moeda de prata deste valor cuñada antes da aprobación da Lei da Moeda de 1873, que supuxo unha interrupción temporal da emisión do dólar de prata.
O anverso desta moeda baséase no do anterior "dólar Gobrecht", ao que substitúe, cuñado de xeito experimental entre 1836 e 1839. No reverso, no entanto, non se utilizou a aguia do dólar Gobrecht, senón que no canto dela a US Mint utilizou unha aguia heráldica baseada nun antigo deseño do que fora gravador da ceca, John Reich, utilizado por vez primeira en moedas de 1807.
Inicialmente os dólares da Liberdade sentada producíronse na Ceca de Filadelfia, e en 1846 a cuñaxe estendeuse á Ceca de Nova Orleáns. A finais da década de 1840 o prezo da prata aumentou en relación ao do ouro por mor do incremento da oferta deste último provocado pola febre do ouro de California. Isto levou ao acaparamento, á exportación e á fundición de moedas dun dólar de prata.
A Lei da Moeda de 1853 reduciu o peso de todas as moedas de prata, a partir da de cinco centavos, coa excepción da dun dólar, mais tamén esixiu un pagamento complementario ás persoas que quixesen que a súa prata fose convertida en moedas dun dólar na casa de moeda. Dado que nesa época non abundaban os depositantes de prata na ceca, a produción seguiu a ser moi baixa. Nos derradeiros anos da serie, no entanto, produciuse máis cantidade de prata nos Estados Unidos, co conseguinte aumento das cuñaxes.
En 1866 introduciuse a inscrición IN GOD WE TRUST no reverso do dólar da Liberdade sentada, dado que a principios desa década se fixera preceptiva a inclusión deste lema nacional en toda a moeda do país.
A produción do dólar da Liberdade sentada detívose logo da aprobación da Lei da Moeda de 1873, que autorizou a emisión do dólar de comercio para o seu uso no comercio exterior. Finalmente, coa aprobación da Lei Bland-Allison en 1878, a produción do dólar de prata retomouse, mais xa cun novo modelo, que se coñeceu como "dólar Morgan".