Día de Tódolos Santos
festividade tradicional do cristianismo / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Día de Tódolos Santos é unha solemnidade cristiá instituída en honra dos santos todos, coñecidos e descoñecidos, segundo o papa Urbano IV, para compensar calquera falta ás festas dos santos durante o ano por parte dos fieis.
Nos países de tradición católica, celébrase o 1 de novembro, data na que se venera a todos os santos que non teñen unha festa propia no calendario litúrxico. Por tradición é un día festivo non laborable. Na igrexa ortodoxa celébrase o primeiro domingo despois de Pentecoste. A festa tamén a celebran as igrexas anglicana, metodista, luterana e outras igrexas protestantes, non obstante os protestantes festexan nese día os defuntos.
A orixe desta festividade católica son as tradicións pagás que perduraron en Europa (especialmente na Europa atlántica) até hai ben pouco. En Galicia a tradición máis viva e estendida é a dos magostos. Nos últimos tempos popularizouse a recuperada festividade céltica do fin do verán, O Samaín, mesturándose as tradicións europeas do baleirado de cabazas e nabos coa exitosa estética estadounidense do Halloween.