Embrioxénese humana
From Wikipedia, the free encyclopedia
A embrioxénese humana ou desenvolvemento embrionario humano é o proceso de divisións celulares e diferenciación celular do embrión que ocorre durante as etapas iniciais do desenvolvemento humano. En termos biolóxicos, o desenvolvemento humano implica o crecemento a partir dunha soa célula, o cigoto ata un ser humano adulto. A fecundación ocorre cando o espermatozoide entra con éxito e fusiónase cun óvulo. O material xenético do espermatozoide e do óvulo combínanse formando unha soa célla chamada cigoto e así comeza o estadio xerminal do desenvolvemento prenatal.[1] A embrioxénese dura as primeiras oito semanas do desenvolvemento; ao principio da novena semana o embrión denomínase xa feto. A embrioloxía humana é o estudo deste desenvolvemento durante as primeiras oito semanas despois da fecundación. O período normal de xestación (embarazo) é de nove meses ou 38 semanas.
O estadio xerminal refírese ao tempo que vai desde a fecundación e ao longo do desenvolvemento inicial do embrión ata que se completa a implantación no útero. O estadio xerminal leva uns 10 días.[2] Durante este estadio, o cigoto empeza a dividirse, nun proceso chamado segmentación. Despois fórmase un blastocisto e implántase no útero. A embrioxénese continúa coa seguinte etapa chamada gastrulación, na que se forman as tres capas xerminais do embrión nun proceso chamado histoxénese, e os procesos de neurulación e organoxénese veñen a continuación.
En comparación co embrión, o feto ten características externas máis recoñecibles e un conxnto máis completo de órganos en desenvolvemento. O proceso completo da embrioxénese implica cambios espaciais e temporias coordinados na expresión xénica, crecemento celular e diferenciación celular. Un proceso case idéntico ocorre noutras especies, especialmente en cordados (ver embrioxénese).