Extinción do Devoniano tardío
From Wikipedia, the free encyclopedia
A extinción do Devoniano tardío ou extinción masiva do Devoniano é o nome que se lle dá a unha serie de importantes extincións de especies ocorridas ao final do Devoniano,[5][6] hai entre 408 e 360 millóns de anos (Ma).[7] Recoñecéronse polo menos dous eventos de extinción:[nota 1] o evento Kellwasser, no límite Frasniano-Famenniano, e o evento Hangenberg, entre o Famenniano e o Misisipiano.[10] Esta crise de extinción masiva tivo maiores efectos nos mares que nos continentes e afectou máis as especies de latitudes tropicais que de latitudes medias. Os organismos máis afectados por esta crise biótica foron os que habitaban en zonas mariñas temperadas.[11][12] Os corais, que dominaran o período, viron minguada a súa poboación e os arrecifes coralinos non volveron ser importantes ata o Triásico.[12] Aproximadamente, extinguíronse o 83 % das especies, así como o 50 % dos xéneros e o 20 % das familias.[6][8]
A extinción masiva do Devoniano é unha das cinco grandes extincións que se produciron na historia da Terra, xunto coas extincións masivas do Ordovícico-Silúrico, a extinción masiva do Permiano-Triásico, a do Triásico-Xurásico e a do Cretáceo-Paleoxeno.[13][nota 2] Porén, hai autores que consideran que as extincións do Devoniano (en concreto a extinción no límite Frasniano-Famenniano) non foron en realidade extincións masivas, senón unha perda de biodiversidade causada por unhas taxas de especiación moi baixas.[15][nota 3]