Fermentación alcohólica
From Wikipedia, the free encyclopedia
A fermentación alcohólica ou fermentación etanólica é un tipo de fermentación que converte azucres como a glicosa, frutosa e sacarosa en enerxía celular en forma de ATP, orixinando como produtos finais etanol (alcohol etílico) e dióxido de carbono. Como os lévedos realizan esta conversión en ausencia de oxíxeno, a fermentación alcohólica é considerada un proceso anaerobio. Tamén se produce noutras especies, como en certos peixes (por exemplo, a carpa vermella e a carpa común) nas que (xunto coa fermentación láctica) serve para proporcionar enerxía cando o oxíxeno é escaso.[1]
A fermentación alcohólica ten moitos usos, como na produción de bebidas alcohólicas (viño, cervexa), de etanol como combustible ou na fermentación do pan.