Hipocorístico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un hipocorístico (do grego antigo ὑποκοριστικός, derivado de ὑποκορίζομαι, ou sexa, "chamar con voz suave") é unha palabra que transmite afecto ou cariño, como os nomes Fran, Sabeliña etc. ou os apelativos, como papá. Os hipocorísticos fórmanse de moitas maneiras, se ben a súa conformación fonética parte de diversas transformacións da palabra da cal se orixina, moitas veces motivadas na linguaxe infantil; entre eles podemos destacar:
- a supresión de sons, por aférese (Nando por Fernando, Sefa por Xosefa), apócope (Reme < Remedios, Fran < Francisco, ou síncope (Maribel < María Isabel).
- o engadido de sufixos: Carmucha, Carmela, Tucho < Antonio, Lucho < Emilio, Maúca < María, Pilocha, Carolo, Tonecho, Gorecho < Gregorio, Piño < Pepiño.
- o uso de sons palatais: Chencha / Xenxa < Inocencia, Chinto < Xacinto.
- a combinación de todos eles: Ducho < Cándido, Xeluca < Anxela, Chon < Asunción.
Os hipocorísticos tamén sofren transformacións fonéticas dificilmente explicables: Francisco > Farruco / Fuco. Ademais, algúns hipocorísticos acábanse consolidando e orixinando nomes 'novos', como Cataliña > Catuxa, Anxela > Xela, Isabel > Sabela, Alexandre > Xandre etc.