León
mamífero carnívoro da familia dos félidos e unha das 4 especies do xénero Panthera / From Wikipedia, the free encyclopedia
O león[2] (Panthera leo) é un mamífero carnívoro da familia dos félidos e unha das 5 especies do xénero Panthera. Algúns machos, excepcionalmente grandes, chegan a pesar ata 250 kg,[3] o que os converte no segundo félido vivente máis grande despois do tigre. Os leóns salvaxes viven na África subsahariana e Asia, cunha poboación en perigo crítico ao noroeste da India, tendo desaparecido do norte de África, de Oriente Próximo e do oeste de Asia en tempos históricos. Ata finais do Plistoceno, hai aproximadamente 10 000 anos, o león era o máis estendido dos grandes mamíferos terrestres, tralos seres humanos. A súa distribución cubría a maior parte de África, gran parte de Eurasia, desde o oeste de Europa ata a India, e en América, desde o río Yukón ata o sur de México.[4][5][6]
León Rango fósil: Plistoceno ata actualidade | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Panthera leo' (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Linnaeus, 1758 |
Se sobreviven ás dificultades da infancia, as leoas que viven nun hábitat seguro, por exemplo no Parque nacional Kruger, a miúdo poden chegar á idade de 12-14 anos, mentres que os leóns raramente viven máis de oito anos.[7] Con todo, coñécense casos de leoas que viviron ata vinte anos en estado salvaxe. En cativerio, tanto os machos como as femias poden vivir máis de vinte anos. Adoitan vivir en sabanas e pradarías, aínda cando poden entrar en zonas arbustivas e boscosas. Os leóns son animais especialmente sociais en comparación con outros félidos. Unha manda de leóns componse de femias que teñen unha relación familiar, as súas crías e un número reducido de machos adultos. Os grupos de leoas adoitan cazar xuntas, atacando principalmente a grandes ungulados. O león é un superdepredador e unha especie chave, pese a que pode ter un comportamento preeiro se ten a oportunidade. Aínda cando os leóns, normalmente, non cazan humanos de xeito selectivo, algúns deles poden converterse en antropófagos e buscar presas humanas.
O león é unha especie vulnerable e, no seu ámbito de distribución africano, ao longo das dúas últimas décadas sufriu un declive das poboacións, posiblemente irreversible, de entre un 30% e un 50%;[1] as poboacións non son viables fóra das reservas delimitadas e os parques nacionais. Aínda que a causa deste declive non é completamente comprendida, a perda do hábitat e os conflitos con humanos son hoxe en día os motivos de preocupación máis importantes. Tivéronse leóns en catividade desde os tempos da antiga Roma e desde finais do século XVIII foron unha especie moi buscada e exhibida en zoolóxicos por todo o mundo. Os propios zoolóxicos están colaborando en programas de reprodución para protexer a ameazada subespecie asiática.
Os machos son moi fáciles de distinguir grazas á súa melena, que fai da súa cabeza un dos símbolos animais máis amplamente coñecidos da cultura humana. Aparece moi a miúdo na literatura, a escultura, a pintura, en bandeiras nacionais e en películas e literatura contemporáneas.