Magníficat
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Magníficat (tamén coñecida coma canción de María ou canto de María) é un cántico entoado (ou recitado) adoito na liturxia dos servizos eclesiásticos cristiáns. O texto do cántico vén directamente do Evanxeo de Lucas, onde é recitado pola Virxe María en ocasión da Visitación da súa prima Sabela. Na narración, despois de que María saudase a Sabela, que está embarazada daquel que será coñecido coma Xoán o Bautista, o neno reméxese dentro do útero de Sabela. Cando esta loa a María pola súa fe, María entoa o Magníficat como resposta.
O cántico fai eco de diversas pasaxes do Antigo Testamento, porén, as alusións máis notábeis son as feitas á Canción de Ana, dos Libros de Samuel. Xunto co Benedictus e o Nunc dimittis, e diversos outros cánticos do Antigo Testamento, o Magníficat foi incluído no Libro de Odes, unha antiga colectánea litúrxica atopada nalgúns manuscritos da Biblia dos Setenta.
No cristianismo, o Magníficat é recitado con máis frecuencia dentro da Liturxia das Horas. No cristianismo occidental o Magníficat é máis cantado ou recitado durante o principal servizo vespertino: as Vésperas, no catolicismo romano, e a Oración Vespertina (Evening Prayer ou Evensong, en inglés), dentro da comuñón anglicana. No cristianismo oriental o Magníficat acostuma ser cantado durante as mañás de domingo. En certos grupos protestantes o Magníficat pode ser cantado durante os servizos de culto.