Nódulo radicular
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os nódulos radiculares son formacións de forma esférica ou cilíndrica que aparecen nas raíces de moitas plantas (principalmente Fabaceae) orixinadas pola simbiose destas plantas con bacterias fixadoras do nitróxeno. Trátase duns crecementos da raíz, onde viven as bacterias. En condicións nas que a dispoñibilidade de nitróxeno é limitada, certas plantas establecen unha relación simbiótica con estirpes de bacterias específicas de hóspede coñecidas como rizobios (fundamentalmente). Este proceso evolucionou moitas veces entre as Fabaceae (leguminosas), e tamén noutras especies pertencentes ao clado das Rósidas.[1]
Nos nódulos das leguminosas, o gas nitróxeno da atmosfera convértese en amoníaco, o cal será asimilado incorporándose aos aminoácidos (os compoñentes que forman as proteínas), nucleótidos (que forman o ADN, ARN e o ATP), e outros constituíntes celulares nitroxenados, como vitaminas, flavonas, hormonas etc. A súa capacidade de fixación do nitróxeno gasoso fai que as leguminosas sexan unhas especies agrícolas ideais, xa que non requirirán apenas fertilizantes nitroxenados e enriquecerán o chan con nitróxeno asimilable. A enerxía que cómpre para a fixación bacteriana do nitróxeno nos nódulos procede dos azucres que se transportan ás raíces desde as follas (onde se formaron na fotosíntese). O malato, un produto que se orixina na degradación metabólica dos azucres da planta, é a fonte de carbono para os bacteroides dos nódulos. A fixación do nitróxeno nos nódulos é moi sensible ao osíxeno. Os nódulos dos legumes conteñen unha proteína con ferro chamada leghemoglobina, moi similar á mioglobina animal, que recolle o osíxeno e facilita a conversión do gas nitróxeno en amoníaco.