Presidente da Nación Arxentina
From Wikipedia, the free encyclopedia
O presidente da Nación Arxentina é o xefe de Estado e xefe de Goberno, responsable político da administración xeral da República Arxentina e comandante en xefe das Forzas Armadas.[3]
Presidente da Nación Arxentina | |
---|---|
Residencia | Quinta presidencial de Olivos Olivos, Buenos Aires, Arxentina |
Sede | Casa Rosada Buenos Aires, Arxentina |
Designado por | Elección mediante votación popular directa |
Duración | 4 anos, con dereito a unha soa reelección inmediata |
Creación | Lei de presidencia do 6 de febreiro de 1826[1] |
Salario | 268.000AR$/mes (2019)[2] |
Suplente | Vicepresidente da Nación Arxentina |
Sitio web | Presidencia da Nación Arxentina |
Entre outros poderes e responsabilidades, o Artigo 99 da Constitución da Nación Arxentina encarga ao presidente «expedir as instrucións e regulamentos que sexan necesarios para a execución das leis», fai do presidente o comandante en xefe das Forzas Armadas, autorízao a nomear oficiais executivos e xudiciais, sitúao á fronte da política exterior da Arxentina, e permite ao presidente conceder indultos ou moratorias, aprobar ou vetar leis, introducir lexislación mediante decretos de necesidade e urxencia, e declarar o estado de sitio e a intervención federal.
O presidente é elixido mediante o sufraxio directo con posibilidade dunha segunda volta electoral para un mandato de catro anos. Desde a reforma da Constitución Arxentina de 1994, o mandatario ten a posibilidade dunha reelección inmediata, podendo repetir novamente o mandato despois de transcorrido un período. En caso de morte, destitución ou renuncia dun presidente, o vicepresidente asume a presidencia.
Até a data, houbo un total de corenta e nove persoas que asumiron o cargo e cincuenta e dúas presidencias (isto é porque Julio Argentino Roca, Hipólito Yrigoyen e Juan Domingo Perón foron reelectos tras un período presidencial como mínimo). Das persoas elixidas para o cargo, vinte e cinco foron electas en 31 eleccións (nove con sufraxio directo e 22 en forma indirecta) e doce son ditadores que se arrogaron o cargo de presidente de facto. Ademais sete vicepresidentes e cinco cidadáns por lei de acefalia (dous presidentes provisorios do Senado, un presidente da Cámara de Deputados, un gobernador e un senador) asumiron o cargo tras a falta dun presidente. En canto ao termo do mandato polo que foron elixidos, dezaseis terminaron o seu mandato, seis foron derrocados por golpes de estado, tres morreron por causas naturais e oito renunciaron.
O primeiro presidente foi Bernardino Rivadavia co cargo de «presidente das Provincias Unidas do Río da Prata», creado por lei do Congreso do 6 de febreiro de 1826. Despois da súa renuncia desapareceu o cargo na lexislación arxentina ata que en 1853 foi restablecido por unha nova constitución, dispondo que a elección se realizaba por seis anos, sen posibilidade de reelección inmediata; a designación facíase por votación indirecta nun Colexio electoral e se ningún candidato lograba máis da metade dos votos, decidía o Congreso entre os dous máis votados. Justo José de Urquiza foi o primeiro elixido de acordo co novo réxime e desempeñou o cargo como «presidente da Confederación Arxentina», do mesmo xeito que o seu sucesor, Santiago Derqui, quen logo das reformas constitucionais de 1860, asumiu como «presidente da Nación Arxentina», título vixente até a data. Adolfo Rodríguez Saá foi o que menos tempo permaneceu no cargo, con tan só 7 días, e Jullo Argentino Roca, cos seus 12 anos no posto, foi o que permaneceu por máis tempo.
O actual presidente é Javier Milei, líder de La Libertad Avanza, que tomou posesión o 10 de decembro de 2023.