Renacemento do século XII
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Renacemento do século XII (tamén chamado revolución do século XII) é un período no que ocorreron unha serie de cambios económicos, sociais, políticos, ideolóxicos e culturais en Europa durante o século XII, posto en evidencia polos traballos dos historiadores Charles H. Haskins, Jacques Le Goff ou mesmo Jacques Verger.
Estimulado por un contexto de prosperidade inédito desde o comezo da Idade Media, nos planos demográfico e económico, pero tamén por un período de renacemento político e pola reforma gregoriana, a cristiandade viu unha profunda mutación da súas estruturas culturais. O mundo monástico céntrase na función meditativa, o que aproveitan as escolas urbanas que floreceron nas grandes cidades, comezando por París, sobre todo grazas á abadía de San Vítor, pero tamén en Chartres ou en Boloña. As disciplinas intelectuais son así dinamizadas e nutridas polo impulso das traducións latinas do século XII, desde o grego e o árabe en España e en Italia, que difunden de novo textos de Aristóteles, e os dos seus comentaristas musulmáns. De aí xorde un gusto novo polas disciplinas científicas, pola dialéctica, o nacemento da teoloxía dogmática e da escolástica, e aínda da recuperación do dereito romano e da medicina nas rexións mediterráneas.
Século da aparición dunha verdadeira clase de "intelectuais", en palabras de Jacques Le Goff, como Pedro Abelardo, coñecido polos seus amores con Heloísa e pola virulencia do seu conflito con San Bernaldo, ou como Jean de Salisbury ou Pedro Lombardo; século dun novo humanismo baseado na renovación da cultura antiga seguindo o adaxio de Bernaldo de Chartres ("ananos nas costas de xigantes"); século de eclosión dunha cultura de corte e da literatura cortesá, o século XII prepara a madureza cultural do século seguinte, que se revelará no cadro das universidades medievais.
Tales cambios tendían a cuestionar a vella orde agraria e rural do feudalismo como consecuencia da irrupción dun novo axente económico e social: a burguesía mercantil e artesanal das rexurdintes cidades. Incluía unha revitalización intelectual de Europa con fortes raíces filosóficas e científicas, que iniciaron o camiño aos posteriores logros literarios e artísticos da Idade Media final e dos inicios da Idade Moderna: o Humanismo e o Renacemento dos séculos XV e XVI (ou Renacemento propiamente dito) e a revolución científica do século XVI.