Repartimento de África
Invasión, división territorial, colonización e anexión de territorios africanos durante o período do Novo Imperialismo / From Wikipedia, the free encyclopedia
A repartición de África ou repartimento de África, tamén chamado a disputa por África ou a carreira por África, foi a invasión, división territorial, colonización e a anexión de territorios africanos durante o período do Novo Imperialismo, entre a década de 1880 e o comezo da primeira guerra mundial, que involucrou á Terceira República Francesa, o Imperio alemán, o Imperio británico, o Reino de Italia, o Reino de Portugal, Bélxica e o Imperio español, xustificada por distintas reclamacións destes países.[1][2]
A segunda metade do século XIX, no ano 1877, viu a transición do imperialismo "informal" que exercía o control a través da influencia militar e da dominación económica a aquel de dominio directo.[3] Os intentos para mediar a competencia imperial, tal como a Conferencia de Berlín (1884 - 1885) entre o Imperio británico, a Terceira República Francesa e o Imperio alemán non puideron establecer definitivamente as reclacións de cada unha das potencias involucradas. Estas disputas sobre África estiveron entre os principais factores que orixinaron a primeira guerra mundial.