Vampire: The Masquerade – Bloodlines
videoxogo de 2004 / From Wikipedia, the free encyclopedia
Vampire: The Masquerade – Bloodlines é un videoxogo de rol de acción de 2004 desenvolvido por Troika Games e publicado por Activision para Microsoft Windows. Ambientado no World of Darkness de White Wolf Publishing, o xogo baséase no xogo de rol Vampire: The Masquerade. O xogador encarna o papel protagonista dun humano personaxe que morre e revive como un vampiro, nunha historia que se desenvolve na cidade dos Ánxeles no século XXI tentando descubrir a verdade sobre unha reliquia recentemente atopada que presaxia o fin de tódolos vampiros.
Vampire: The Masquerade – Bloodlines | |
---|---|
Desenvolvedor(es) | Troika Games |
Distribuidora(s) | Activision |
Director(es) | Leonard Boyarsky Jason Anderson |
Produtor(es) | Thomas R. Decker David Mullich |
Deseñador(es) | Brian Mitsoda Chad Moore TJ Perillo |
Programador(es) | Andrew Meggs Tim Cain |
Compositor(es) | Rik Schaffer |
Motor | Source |
Lanzamento | NA: 16 de novembro de 2004 EU: 19 de novembro de 2004 |
Xénero | Rol de acción |
Modos de xogo | Un xogador |
Clasificación | PEGI USK |
Plataforma(s) | Microsoft Windows |
Na rede | |
https://web.archive.org/web/20070429175644/http://www.vampirebloodlines.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O xogo preséntase dende unha perspectiva en primeira e terceira persoa. O xogador escolle un dos varios clans de vampiros ó comezo do xogo, cada un deles con habilidades e poderes únicos, progresando e aumentando as súas habilidades de combate e diálogo durante o xogo. A selección do clan inflúe tanto nas capacidades e poderes do xogador coma na percepción do mesmo por parte do mundo do xogo, posibilitando distintos camiños de exploración do mesmo e diferentes métodos de interacción ou manipulación dos personaxes non xogador. O xogador pode completar misións secundarias á marxe da historia principal movéndose con liberdade entre os distintos mundos do xogo: Santa Monica, Hollywood, o centro dos Ánxeles e Chinatown, todos eles en California.
O equipo de desenvolvemento de Troika, formado por 32 membros, comezou o traballo en Bloodlines en novembro de 2001, como unha continuación indirecta do videoxogo publicado no ano anterior Vampire: The Masquerade – Redemption. Troika usou o motor de xogo Source de Valve, naquel momento aínda en fase de desenvolvemento e que estaba a usarse no desenvolvemento do xogo propietario de Valve Half-Life 2. A produción do xogo resultou turbulenta, xa que o alcance do deseño excedía os recursos dispoñibles, e o equipo quedou sen un produtor durante case un ano ata que Activision asignou a David Mullich nesta posición, quen atopou deseños e niveis inacabados ou abandonados. Tras uns tres anos de desenvolvemento e cun orzamento esgotado, Activision definiu unha estrita data de entrega, e Bloodlines foi finalmente publicado nun estado incompleto en novembro de 2004.
Publicado en competición con Half-Life 2 e outros títulos, Bloodlines non cumpriu os obxectivos esperados e vendeu menos de 80 000 copias no momento da súa publicación inicial. A crítica acolleu o xogo con opinións divididas, loando o guión e a escala das opcións no xogo pero criticando os seus problemas técnicos. Este foi a última produción de Troika Games, que cesou de existir a comezos de 2005 ó non conseguir contratos para proxectos adicionais. O xogo ten un seguimento de culto, considerado un exemplo de mecánicas de xogo e narrativa pouco replicado, e a crítica máis contemporánea recoñeceuno como unha obra mestra con fallos. Dende a súa publicación orixinal no 2004 Bloodlines continuou recibindo apoio dos seus afeccionados, fornecendo arranxos non oficiais e recuperando contido non usado para o mesmo.