escritor e etnógrafo galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas,[lower-alpha 1] nado en Ourense o 23 de xuño de 1907 e finado en Facós (Lobeira) o 18 de xullo de 1989,[1] foi unha personalidade senlleira da cultura e da etnografía galegas, membro do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega e principal impulsor da creación do Museo do Pobo Galego. En anos consecutivos recibiu o Premio Otero Pedrayo (1982), o Premio Trasalba (1983) e a Medalla Castelao (1984). Postumamente a RAG dedicoulle o Día das Letras Galegas, no ano 2004, homenaxe que a Xunta de Galicia asumiu declarando o 2004 como Ano Xaquín Lorenzo.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (gl) Xaquín María Perfecto Lorenzo Fernández 26 de xuño de 1907 Ourense, España |
Morte | 18 de xullo de 1989 (82 anos) Lobeira, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de San Francisco de Ourense |
Director de museo | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | escritor , antropólogo |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1951–1989) Real Academia Galega (membro correspondente) (1942–1951) Seminario de Estudos Galegos |
Xénero artístico | ensaio |
Pseudónimo literario | Xocas |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Familia | |
Pais | José Lorenzo Álvarez e Joaquina Fernández Barcia |
Irmáns | Xurxo Lorenzo Fernández |
Premios
| |
Foi o primeiro fillo do escritor e caricaturista José Laurentino Lorenzo Álvarez, ourensán, e de Joaquina Fernández Barcia, de Vigo. Cómpre lembra-la presenza e influencia do seu único irmán, Xurxo, tres anos máis novo ca Xaquín, quen colaborou con el en numerosas ocasións ata morrer prematuramente o 2 de abril de 1934, vítima dunha septicemia, con 24 anos de idade. Ramón Otero Pedrayo dixo de Xurxo que "de ter vivido máis anos sería o mestre e o poeta da súa xeración".
A morte do pai a finais de 1923 obrigou a que a nai tivese que marchar á Arxentina, a solucionar certos problemas coa herdanza familiar, polo que os irmáns foron vivir coa avoa paterna en Facós, Lobeira, no caso de Xocas, e coa familia do avó materno, en Vigo, no do seu irmán Xurxo.
Entre 1917 e 1923 estudou a educación primaria e o bacharelato na súa cidade natal, no que hoxe é o Instituto Posío, e onde máis tarde el mesmo sería profesor, tendo como mestre a Ramón Otero Pedrayo, quen tomara posesión da cátedra de Xeografía e Historia nese instituto en 1921.[lower-alpha 2] Ó residir longas tempadas, especialmente os veráns, na casa da avoa materna en Facós, entra en contacto coa cultura rural e comprende a necesidade do seu estudo e promoción:
Así funme pondo en contacto co campo de Galicia. E vía que ó chegar a Ourense para retomar os estudos, os rapaces da cidade descoñecían completamente o que era o campo; isto facíame reaccionar.
En 1923 comeza a estudar, por libre, Filosofía e Letras (Sección Historia) na Universidade de Santiago de Compostela, pero non aproba ningunha materia nin nese ano nin no seguinte. A morte do pai obrígalle a suspende-los estudos, pero en 1925 matricúlase no acceso á carreira de Dereito, tamén por libre. Neste caso, nin se presenta ós exames e remata abandonando os estudos. Por fin, en 1931 volve a matricularse en Filosofía e Letras, en Santiago, co seu irmán Xurxo, á vez que seguen traballando para o Seminario de Estudos Galegos, pero teñen que pedi-lo traslado a Zaragoza en 1934 polos seus enfrontamentos cos profesores, a causa da súa participación no movemento galeguista co que simpatizaban desde moito antes: sendo membro da Irmandade Galeguista de Ourense subscribiu o manifesto fundacional do Partido Nazonalista Republicán de Ourense e, posteriormente, ingresou no Partido Galeguista. Xaquín remata a carreira en Zaragoza.
Desde moi cedo comezou a colaborar co Grupo Nós, aprendendo e facendo amizade con Vicente Risco, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo e, con 18 anos (1926), ingresou como membro activo no Seminario de Estudos Galegos cun traballo sobre o carro galego. Desde ese momento, e ata a súa disolución trala guerra civil, Xocas colaborou intensamente coas seccións de Etnografía e Folclore do Seminario e participou nas campañas que este organizou, ademais doutros traballos de investigación propios. En 1932 foi nomeado membro da Comisión Directora e Conservador do Museo; e en 1934, conselleiro permanente do Seminario.
Canto á súa actividade política nesa época, lémbrese a súa participación na Irmandade Galeguista de Ourense, no Partido Nazonalista Repubricán e no Partido Galeguista do 36, así como a súa intervención activa no nacemento do frustrado Estatuto de Autonomía.
Aínda con estes precedentes, Xaquín Lorenzo vese obrigado a loitar cos sublevados na guerra civil. Foi recrutado xa o 1º de agosto de 1936 pero, ó resultar ferido no ombreiro esquerdo en Villablino (León), nada máis incorporarse á fronte, o día 12 dese mesmo mes, é declarado inútil para o exército. Por fin, o 29 de decembro de 1937 pode regresar á súa casa de Lobeira, desde onde cultiva un fecundo faladoiro con Risco, Cuevillas e Pedrayo.
Fun ferido en Villablino, no norte de León. Foi unha das moitas cousas que eu lle debo á boa sorte que tiven na vida. Eu incorporeime aquí, en Ourense, incorporámonos todos os que chamaron, non quedaba máis remedio que botarse ao monte ou incorporarse... Teño a grande sorte de poder dicir que non vin un morto. O primeiro ferido que vin fun eu.
Trala guerra civil, foi nomeado profesor de Xeografía e Historia no Instituto Posío, de Ourense. Os seus antecedentes políticos terminan pasándolle factura e en 1942 pasou a exercer no colexio privado Cardenal Cisneros, da mesma cidade, e do que chegou a ser copropietario e director ata a súa xubilación en 1981.
Durante os anos 1940 a 1950 dedicouse principalmente a realizar e dirixir numerosos estudos sobre etnografía material e cultural galega, entre os que destacan os seus estudos sobre o carro, as construcións tradicionais, os oficios, a dorna etc., así como sobre as festas e romarías, o cancioneiro e o refraneiro popular galego.
Compaxinou estes estudos etnográficos con outros traballos sobre arte, historiografía e arqueoloxía, co estudo e catalogación de diferentes castros, como os de Terra de Lobeira (1931, onde coñece o profesor Fritz Krüger), Cameixa (Boborás, en 1944), Cabanca (Castrelo do Val, 1944) ou o de Castromao (Celanova). Este labor desenvolveuno dentro do seu traballo co grupo Nós, coa Comisión de Monumentos de Ourense e co Grupo Marcelo Macías, e transcribiuno en diferentes artigos que foi publicando en revistas como Nós, no Arquivo do Seminario de Estudos Galegos, no Caderno de Estudos Galegos, no Boletín da Real Academia Galega, no Boletín Avriense etc. Colaborou tamén en diferentes ocasións en publicacións equivalentes de España, Portugal e Alemaña.
Cómpre destaca-lo feito de que os seus traballos etnográficos e técnicos ían adoito enriquecidos cos seus propios debuxos (ou do seu irmán Xurxo) e fotografías, co que consegue reflecti-las variedades locais dos obxectos que describía. Tamén recorreu ó cine para recoller mellor as actividades que estudaba, e neste eido destaca sobre todo unha curtametraxe sobre O carro e o home (1940),[2] de inestimable valor etnográfico. Este documental, baixo idea e guión del mesmo, dirixido por Antonio Román e producido por Carlos Serrano, recibiu o premio do Sindicato Nacional do Espectáculo e foi reeditado en 1980 por Eloy Lozano.
O carro ocupou un importante lugar na preocupación de Xaquín Lorenzo pola etnografía galega. De feito, foi un carriño de vacas que fixo con 16 anos idade, cos nomes de tódalas pezas, o que lle abriu as portas ante Cuevillas e a xeración Nós. Sempre tivo unha especial habilidade nas actividades manuais, realizando diversas maquetas de carros, xugos, ferramentas labregas e casas, a pesar de que con 5-6 anos perdera parte dos dedos anular e maior da man dereita nun accidente cun forno.
“Un vran, na aldeia, tendo eu dezaséis anos, fixen, por enredo, un carriño de bois aporveitando uns anacos de táboas vellas; logo, sen un fito determinado, anotéi nun papel os nomes que alí daban ás pezas que o forman. Ó comezalo curso tornéi a Ourense e un meu parente faloulle a Cuevillas, non sei con que motivo, do carriño que eu figuera. Cuevillas quíxome coñecer e unha noite fun ó Club, onde il ía á serán, co meu enredo na bulsa. Mostreillo, ollouno de vagar, leu as notas que eu esquirbira e mandóu procurar uns libros que tiña no gabán. Cando llos trougueron, deumos e díxome: "-Tome. Co que vostede tén e co istes libros, faga un estudo encol do carro”.
A partir de 1942 comezou a colaborar co Museo Arqueolóxico de Ourense e coa Comisión de Monumentos, chegando a ser académico correspondente da Real Academia da Historia. Tamén foi membro da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnografia, da Associação dos Arqueólogos Portugueses, da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e do Patronato do Museo del Pueblo Español, de Madrid.
En 1951 foi nomeado membro da Real Academia Galega a proposta dos seus eternos compañeiros Cuevillas, Risco e Otero Pedrayo, nun acto celebrado o 16 de setembro en Celanova,[3] pronunciando no seu ingreso o discurso La casa gallega. Outros candidatos a esta distinción foron Plácido Castro e Ramón Varela Núñez. O novo académico foi acollido polo propio Otero Pedrayo, que leu o discurso de resposta.[4]
En 1964 mórrelle a nai, Joaquina, e Xaquín comeza unha fase de progresivo illamento, reducindo os seus contactos a un pequeno número de amigos. A morte en 1975 dun deles, Xesús Ferro Couselo, con quen colaborara estreitamente, contribúe a afonda-la súa introversión. Todo isto, xunto á precaria saúde (padecía reuma e unha perda progresiva da vista), levárono a recluírse na súa casa e dedicarse case exclusivamente á lectura.
Sae desta situación, por fin, cando en 1976 comeza a creación do Museo do Pobo Galego, coa súa designación como director e presidente do padroado do museo. O proxecto de creación dun Museo de Galicia xa nacera nos anos trinta como un dos obxectivos do Seminario de Estudos Galegos, pero foi truncado pola guerra civil e a desaparición do Seminario. Xaquín Lorenzo doará ós fondos do museo, inaugurado en 1977, a súa biblioteca e a súa ampla colección de maquetas que fixera el mesmo ó longo da súa vida, do carro, de trebellos agrícolas e de casas tradicionais de diferentes tipoloxías.
En 1978, co rexurdir das actividades galeguistas trala morte de Francisco Franco e a reinstauración da democracia en España, participa máis ou menos activamente no renacemento do Partido Galeguista de Avelino Pousa Antelo, se ben remata identificándose máis co colectivo apartidista Realidade Galega e expresa o seu apoio público ó voto afirmativo no referendo do Estatuto de autonomía, xunto a outros intelectuais galegos.
O 19 de xullo de 1989 morreu na súa casa de Facós (Lobeira, Ourense), sendo enterrado no cemiterio de San Francisco, da capital.
Ó longo da súa vida recibiu numerosas distincións, medallas e nomeamentos, como a Encomenda de Afonso X o Sabio (Ministerio de Educación, 1961), o Premio Otero Pedrayo (concedido polas deputacións galegas, en 1982), conselleiro do novo Seminario de Estudos Galegos, presidente de honra do Padroado do Pedrón de Ouro (1983), fillo predilecto da provincia de Ourense (1983), premio Trasalba (1983) ou a primeira Medalla Castelao (Xunta de Galicia, 1984). Cómpre destaca-la súa presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Trala súa morte segue recibindo homenaxes de diversa índole, como a publicación dun número extraordinario na súa memoria do Boletín Auriense, en 1990; a dedicatoria do Día das Letras Galegas en 2004; ou o monográfico que sobre a súa vida e obra dedicoulle o Boletín da Real Academia Galega, tamén en 2004.
Do interese de Xaquín Lorenzo na etnografía galega dá idea o feito de que, dos 125 traballos que publicou -só ou en colaboración con outros autores-, a metade estuda e describe diversos aspectos da cultura popular, material ou inmaterial. O traballo máis completo é o que constitúe o segundo volume da magna obra que sobre a Historia de Galiza dirixiu Ramón Otero Pedrayo e da que só chegaron a publicarse tres tomos.
Para a redacción desta Etnografía, Xocas percorre Galicia ó longo de máis de vinte anos, moitas veces acompañado do seu irmán ou de Risco, e recolle información local de numerosos elementos da arquitectura popular, obxectos de uso cotián e actividades tradicionais, que describe polo miúdo e retrata mediante abondosos debuxos e fotografías.
Tivemos que pelerinar por todolos camiños da Galiza. Percorrimos a montaña, andivemos polos vales e polas terras chás, visitamo-los lugares e andivemos pola beiramar. Fomos informados por homes, por mulleres e por nenos, entramos nas súas casas, visitamo-los seus barcos, os seus obradoiros...
Para expresa-la valoración que esta obra mereceu nos etnógrafos que lle continuaron abonda recoller un par de opinións de Xosé Manuel González Reboredo e Clodio González Pérez:
Xigantesco esforzo de síntese descritiva... permite ter unha visión completa do que era a vida material dos nosos labregos, mariñeiros e artesáns, sendo un esforzo pioneiro non só en Galicia, senón en toda a Península.
Constitúe unha fonte impresionante de información etnográfica... imposible de repetir, xa que daquela a maioría dos datos aínda os tomou directamente da realidade, e non como agora nos nosos días que xa cómpre acodir a persoas maiores ou a información doutros autores.
A casa tradicional labrega, xunto a outras formas da arquitectura popular, foron sempre do interese de Xaquín Lorenzo, xa desde os seus primeiros estudos publicados sobre Calvos de Randín (1930, con Cuevillas), Velle (1936, tamén con Cuevillas e mais Vicente Fernández Hermida) ou Borneiro (1936). Outro interesante estudo neste eido foi o publicado en 1943 baixo o título A casa rural na Limia Baixa na revista alemá Volkstum und Kultur der Romanen.
De feito, o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, en 1951, versou sobre La casa gallega.
Velaí unha mostra do concepto que Xaquín Lorenzo tiña da casa na vida dos galegos, moito máis aló do edificio no que se acollen e protexen persoas e animais:
O elemento máis intresante de toda a producción popular é, sen dúbida, a casa. Non enche somentes o papel de refuxio contra os ataques do meio ambente senón que é tamén o aglutinante que xungue entre sí ós membros dunha mesma familia... O home lígase directamente á casa do mesmo xeito que a casa se xungue á terra, sendo así a vivenda o vencello que xungue ó home coa xeografía dun xeito íntimo.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.