Xilografía
From Wikipedia, the free encyclopedia
A xilografía (do grego xylón, madeira; e grafé, inscrición) é unha técnica de impresión con prancha de madeira. O texto ou a imaxe desexada tállase á man cun cicel ou buril na madeira. Utilízase habitualmente unha soa matriz (chamada tamén taco) para cada páxina. A continuación imprégnase con tinta e prémese contra un soporte (como o papel) obténdose a impresión do relevo.
As madeiras máis apropiadas para realizala son a de buxo, a de cerdeira ou a de pereira.
Existen dous tipos de xilografía en función de como se realice o gravado na madeira:
- Xilografía "ó fío": a superficie de gravado está cortada en paralelo ás febras do tronco. Este método é propenso á aparición de nós e febras irregulares co consecuente problema para a impresión.
- Xilografía "a testa": a cara é perpendicular ás febras.
Diferénciase dos demais sistemas de impresión de textos en que utiliza unha prancha fixa para imprimir todo o contido, mentres que os restantes se basean en tipos móbeis (letras) que se reordenan e utilizan para outras páxinas.