Afganistán
país de Asia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Afganistán[1][2][3] (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como Emirato Islámico de Afganistán, é un país localizado en Asia Central.[4][5] Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país. O seu territorio abrangue 652.000 km², converténdose no país número 41 meirande do mundo.
A presenza humana en Afganistán data do Paleolítico medio,[6] e a localización estratéxica na Ruta da seda conectouno con culturas de Oriente Medio, Asia Central e Asia Meridional.[7] Ó longo da historia, foi o fogar de diferentes pobos[8] e foi escenario de moitas campañas militares, como as de Alexandre o Grande, os árabes musulmáns, Xenxis Kan e as potencias occidentais na era moderna.[6] Tamén foi o berce do Imperio Shinwari, o Imperio Cuxano, o Imperio Heftalita, o Imperio Samánida, o Imperio Gaznávida, o Imperio Gúrida, a Dinastía Khilji, o Imperio mogol, e a Dinastía Murrani.[9]
A historia política do estado moderno de Afganistán comezou coas dinastías Hotaki e Durrani no século XVIII.[10][11][12] No final do século XIX, Afganistán converteuse nun estado colchón do "Gran Xogo" entre a India Británica e o Imperio Ruso. Despois da Guerra Anglo-Afgá de 1919, o Rei Amanullah e Mohammed Zahir Shah tentaron modernizar o país. Unha serie de golpes de estado en 1973, 1978 e 1979 foron seguidos pola invasión soviética de Afganistán e as guerras civís que devastaron o país. A guerra entre o goberno e os talibáns chegou ao seu clímax coa ofensiva talibá de 2021 que resultou na caída da capital, Cabul e o recoñecemento de facto, mais non de iure, pola comunidade internacional do Emirato Islámico de Afganistán[13] [14].