Agar (personaxe bíblica)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Agar, ou Hagar, é a muller coa que Abraham tivo o seu primeiro fillo, Ismael, consonte o relato da Xénese. Dela descenden os musulmáns.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2020.) |
A muller de Abraham, Sarai, non daba preñado e, pensando que xa ía vella para ter fillos, pediulle ao seu home que se deitase coa súa serva Hagar para teren descendencia a través dela. Abraham fixo tal, mais Hagar, vendo que concibira, comezou a desprezar a súa ama estéril. Sarai, coa conivencia do seu esposo, pasou a maltraer a serva ata que se viu forzada a fuxir (Gn 16,1-6).
Vagando polo deserto, visitouna un anxo que lle dixo que volvese á casa dos seus amos e se sometese a eles e asemade reveloulle que a descendencia do seu fillo, que había chamar Ismael, chegaría a ser incontable (Gn 16,7-12).
Foi así que a Abraham e Hagar naceulles Ismael (Gn 16,15), do que descenden os árabes. Estes pobos árabes (chamados tamén ismaelitas ou agarenos), que na súa maioría profesan a relixión musulmá, consideran Hagar como a muller lexítima do patriarca Abraham e, polo tanto, descendentes seus a través de Ismael.
Anos despois, Deus concédelle a Abraham outro fillo, desta volta con Sarai, que se chamará Isaac, que terá unha prole coa que Deus lle di selar unha alianza perpetua. Canto a Ismael, Abraham prégalle a Deus que tamén sexa xeneroso con el. Deus promételle que o beicerá, que lle dará moita fecundidade e o fará pai dun gran pobo. Mais insiste: "a miña alianza establecereina con Isaac, o fillo que che dará Sara de hoxe nun ano", e a eles concede, en posesión perpetua, o país de Canaán (Gn 17,1-8.15-21).
En nacendo Ismael, Sara —Deus trocáralle o nome de Sarai ao convertela en nai— non quixo que Hagar e mailo seu fillo seguisen cas súa e pediulle a Abraham que os botase fóra. Deus mandou a Abraham facer como Sara dicía mais díxolle que non tivese dó por eles, pois tamén "do fillo da escrava farei unha gran nación, por ser semente túa". Abraham forneceu a Hagar de pan e auga e despediuna. Estando por segunda vez no deserto, volveu Hagar recibir a visita dun anxo que lle asegurou que Deus miraba por eles e que faría de Ismael unha gran nación (Gn 21, 1-3.9-21). Segundo a tradición islámica, foi Alá quen pediu a Abraham que deixase marchar a Hagar e Ismael para fundar un gran pobo.