Alcibíades
From Wikipedia, the free encyclopedia
Alcibíades Clinias Escambónidas (en grego: Ἀλκιβιάδης Κλεινίου Σκαμβωνίδης), nado c. 450 a. C. na Antiga Atenas e finado no 404 a. C. no Monte Elafos, Frixia, Imperio aqueménida, foi un prominente estadista, orador e estratego (xeneral) ateniense, fillo de Clinias e membro da familia aristocrática dos Alcmeónidas, do demo de Escambónidas, que tivo un papel destacado na segunda fase da guerra do Peloponeso (a guerra arquidámica) como conselleiro estratéxico, comandante e político.
Nome orixinal | (grc) Ἀλκιβιάδης |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 450 a. C. Antiga Atenas |
Morte | 404 a. C. (45/46 anos) Frixia |
Causa da morte | Homicidio (Stabbing (en) ) |
Estratego | |
419 a. C. – 418 a. C. | |
Estratego | |
415 a. C. – 413 a. C. | |
Estratego | |
406 a. C. – 405 a. C. | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Antiga Atenas |
Actividade | |
Ocupación | político , militar , oficial do exército |
Profesores | Sócrates |
Lingua | Grego antigo |
Carreira militar | |
Rango militar | estratego |
Conflito | Guerra do Peloponeso e Battle of Potidaea (en) |
Familia | |
Familia | Alcmeónidas |
Cónxuxe | Hiparete (pt) |
Parella | Timea (pt) Theodote (en) Timandra (en) |
Fillos | Alcibíades (pt) () Hiparete (pt) |
Pais | Clinia (pt) e Dinómaca (pt) |
Irmáns | Clinia (pt) |
Premios |
Durante o transcurso da guerra do Peloponeso, Alcibíades cambiou a súa lealdade en varias ocasións. Na súa Atenas nativa, a principios dos anos 410 a. C., defendeu unha política exterior agresiva e foi un destacado defensor da expedición a Sicilia, pero fuxiu a Esparta cando os seus inimigos políticos presentaron cargos de sacrilexio contra el. En Esparta serviu como conselleiro estratéxico, propoñendo ou supervisando importantes campañas contra Atenas. En Esparta, con todo, a Alcibíades tamén lle xurdiron poderosos inimigos e viuse obrigado a desertar a Persia. Alí foi conselleiro do sátrapa Tisafernes ata que os seus aliados políticos atenienses lograron a súa restitución. Foi xeneral (estratego) durante varios anos máis, pero os seus inimigos conseguiron exilialo por segunda vez.
A expedición siciliana foi creación de Alcibíades, e os eruditos modernos teñen argumentado que se esa expedición estivera baixo o mando de Alcibíades en lugar do de Nicias, a expedición non se tería enfrontado ao seu desastroso destino.[1] Nos anos que serviu a Esparta, Alcibíades desempeñou un importante papel na destrución da cidade de Atenas; a captura de Decelia (cf. guerra de Decelia) e as críticas rebelións dalgunhas das cidades e territorios baixo a influencia de Atenas ocorreron instigadas por el ou baixo a súa supervisión.
Unha vez devolto á súa cidade natal, con todo, tivo un papel crucial na serie de vitorias atenienses que levaron a Esparta a solicitar finalmente a paz con Atenas. Elixiu tácticas pouco convencionais, a miúdo gañando polis (cidades) a través da traizón ou a negociación en lugar do asedio.[2]
As capacidades militares e políticas de Alcibíades resultaron ser a miúdo moi valiosas para calquera que contase coa súa lealdade, aínda que a súa capacidade para colleitar poderosos inimigos asegurou que nunca permanecese nun mesmo lugar durante moito tempo e, para cando terminou a guerra que axudara a reavivar a principios dos anos 410 a. C., os seus días de relevancia política eran un recordo do pasado.