Alzhéimer
enfermidade dexenerativa e desmielinizante do cerebro / From Wikipedia, the free encyclopedia
A doenza de Alzheimer, enfermidade de Alzheimer ou simplemente alzhéimer[1] é unha enfermidade neurodexenerativa e desmielinizante do cerebro, caracterizada por unha perda das facultades cognitivas superiores, manifestándose inicialmente como alteracións da memoria episódica. Estes déficits amnésicos agrávanse coa progresión da doenza, e están posteriormente acompañados por déficits visio-espaciais e de linguaxe. O inicio da doenza pode darse moitas veces como simples alteracións da personalidade, con ideación paranoide. Caracterízase na súa forma típica por unha perda da memoria inmediata e doutras capacidades mentais, a medida que as células nerviosas (neuronas) morren e diferentes zonas do cerebro se atrofian. A enfermidade adoita ter unha duración media aproximada despois do diagnóstico de entre 7 a 10 anos,[2] variando en proporción directa coa severidade da enfermidade no momento do diagnóstico.
Alzhéimer | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Comparación entre un cerebro normal e un cerebro afectado de alzhéimer. | |
ICD-10 | G30, F00G30, F00 |
ICD-9 | 331.0, 290.1 |
OMIM | 104300 |
DiseasesDB | 490 |
MedlinePlus | 000760 |
eMedicine | neuro/13 alzheimer's+disease |
MeSH | D000544 |
GeneReviews | NBK1161 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A enfermidade de Alzheimer é a forma máis común de demencia, é incurable e terminal, que aparece con maior frecuencia en persoas maiores de 65 anos de idade.[3] Os síntomas da enfermidade como unha entidade nosolóxica definida foi identificada por Emil Kraepelin,[4] mentres que a neuropatoloxía característica foi observada por primeira vez por Alois Alzheimer en 1906.[5][6][7] Así pois, o descubrimento da enfermidade foi obra de ambos os dous psiquiatras, que traballaban no mesmo laboratorio. Con todo, dada a grande importancia que Kraepelin daba a atopar a base neuropatolóxica das desordes psiquiátricas, decidiu designar a doenza como enfermidade de Alzheimer en honor ao seu compañeiro.
Polo xeral, o síntoma inicial é a inhabilidade de adquirir novas memorias, pero adoita confundirse con actitudes relacionadas coa vellez ou o estrés.[8] Ante a sospeita de alzhéimer, o diagnóstico realízase con avaliacións de conduta e cognitivas, así como neuroimaxes, de estar dispoñibles.[9] A medida que progresa a enfermidade, aparecen confusión mental, irritabilidade e agresión, cambios do humor, trastornos da linguaxe, perda da memoria de longo prazo e unha predisposición a illarse a medida que os sentidos do paciente diminúen.[8][10] Gradualmente pérdense as funcións biolóxicas que finalmente levan á morte.[11] O prognóstico para cada individuo é difícil de determinar. A media xeral é de 7 anos,[12] menos do 3% dos pacientes viven máis de 14 anos despois do diagnóstico.[13]
A causa do alzhéimer permanece descoñecida, aínda que as últimas investigacións parecen indicar que están implicados procesos de tipo priónico.[14] As investigacións adoitan asociar a enfermidade á aparición de placas senís e nobelos neurofibrilares.[15] Os tratamentos actuais ofrecen moderados beneficios sintomáticos, pero non hai tratamento que atrase ou deteña o progreso da enfermidade.[16] Para a prevención do alzhéimer, suxeríronse un número variado de hábitos condutuais, pero non hai evidencias publicadas que destaquen os beneficios desas recomendacións, incluíndo estimulación mental e dieta equilibrada.[17] O papel que xoga o coidador do suxeito con alzhéimer é fundamental,[18] aínda cando as presións e demanda física deses coidados poden chegar a ser unha grande carga persoal.[19][20][21]
O Día Internacional do Alzhéimer celébrase o 21 de setembro, data elixida pola OMS e a Federación Internacional do Alzhéimer, data na cal se celebran en diversos países actividades para concienciar e axudar a previr a enfermidade.[22]
Prevese que en 2050 os pacientes de alzhéimer se vaian multiplicar por cinco.[23]