Aminoácido esencial
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un aminoácido esencial ou indispensable é un aminoácido que debe estar incluído nos alimentos da dieta para manter unha boa saúde. Considéranse esenciais para un humano adulto os seguintes aminoácidos: fenilalanina, valina, treonina, triptófano, isoleucina, metionina, leucina, lisina, e histidina [1].
Que un aminoácido sexa esencial pode deberse a dúas razóns:
- Non o pode sintetizar o noso metabolismo a partir de substancias simples das que hai moita dispoñibilidade na célula, porque non temos as rutas metabólicas necesarias. Por exemplo, o glutamato pode sintetizarse facilmente a partir de produtos nitroxenados e carbonados abundantes nas células, polo que o glutamato non é un aminoácido esencial. Polo contrario, non temos os encimas necesarios para sintetizar lisina, polo que é un aminoácido esencial, e deberemos tomala nos alimentos da dieta (por exemplo, de orixe vexetal, xa que as plantas si a sintetizan).
- O organismo pode sintetizalo, pero non o pode facer coa suficiente rapidez como para poder producir as cantidades que o noso corpo require. Por exemplo, durante o rápido crecemento dos nenos pode requirirse máis cantidade dalgúns aminoácidos ca a que o corpo pode sintetizar, polo que para eles será esencial a arxinina e para un adulto non.
Téñase en conta tamén que algúns aminoácidos poden sintetizarse a partir doutros aminoácidos, e que ás veces é conveniente falar de aminoácidos nutricionalmente equivalentes (véxase máis abaixo) cando derivan uns doutros. E hai aminoácidos que non se poden sintetizar de novo a partir de substancias sinxelas pero si a partir doutros precursores algo máis complexos que cheguen á célula. E outros só son necesarios en determinadas circunstancias (crecemento, doenzas etc.).