Aminoacil ARNt sintetase
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha aminoacil ARNt sintetase é un encima que cataliza o enlace por esterificación dun aminoácido específico ou o seu precursor a un dos seus varios ARNt compatibles, para formar así un aminoacil-ARNt. A esta unión chámaselle ás veces "cargar" o ARNt co aminoácido. Unha vez que o ARNt está cargado, vai a un ribosoma onde o aminoácido que leva pode ser transferido á cadea polipeptídica en crecemento durante a síntese de proteínas, de acordo coas correspondencias do código xenético.
Na maior parte dos organismos vivos, existe unha aminoacil ARNt sintetase para cada un dos 20 aminoácidos presentes nas proteínas normais. A selenocisteína, considerada o aminoácido 21, incorpórase por un mecanismo diferente e non ten unha aminoacil ARNt sintetase asociada. Cada un destes encimas recoñece un aminoácido e un ou varios ARNt aceptores. A súa función é esencial para a exactitude da tradución do código xenético, xa que son eles os que garanten que o aminoácido que foi esterificado no extremo 3' do ARNt se corresponda co anticodón axeitado. No ribosoma non se realiza ningunha verificación posterior.