Anarquismo
ideoloxía política, corrente filosófica e movemento social radical / From Wikipedia, the free encyclopedia
O anarquismo é unha ideoloxía política, corrente filosófica e movemento social radical que chama á oposición e abolición de toda autoridade, xerarquía e forma de control social por consideralas non desexables, innecesarias e nocivas[1]. Os tipos de autoridade rexeitados polos anarquistas inclúen os de tipo político (o Estado), económico (o capitalismo), relixioso (a Igrexa), cultural (o patriarcado), industrial (o especismo) ou calquera outra forma de opresión e explotación. Do mesmo xeito, os anarquistas pretenden abolir todo tipo de tratados ou normas impostas (é dicir, aquelas que sexan establecidas por imposición e sen a aprobación, mediante consenso, de todas as persoas), así coma as súas principais ferramentas de coerción e violencia, para conseguir acabar cos diversos tipos de dominación do ser humano polos seus conxéneres.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A intención é desenvolver e conseguir a anarquía, que recoñece a plena liberdade e autonomía dos individuos, configurando sociedades a escala humana ou, máis exactamente, en comunidades, baseadas no modelo libertario de comuna autónoma, que tería por fundamentos a asociación voluntaria, a horizontalidade, a iniciativa individual e o apoio mutuo ou solidariedade recíproca. Existen varios métodos propostos polas diversas escolas e tendencias xurdidas no movemento anarquista para a consecución destes fins, sempre a través de medios concordantes con eles como son os conceptos da autoxestión, a acción directa e de base.
Con movementos precursores dende a antigüidade, o anarquismo desenvólvese no século XIX a través de diversas tendencias, tendo lugar algunhas das experiencias libertarias máis significativas ao longo do século XX. Dende entón converteuse nun movemento que está presente de forma continua en múltiplos temas contemporáneos.