Antropoloxía
estudo científico dos seres humanos, o comportamento humano e as sociedades / From Wikipedia, the free encyclopedia
A antropoloxía (do grego ἄνθρωπος e λόγος, anthropos logos, «coñecemento do ser humano») é a ciencia social que estuda todas as dimensións do ser humano de forma similar á socioloxía, pero holisticamente. Principalmente enfocada desde a cultura e por medio do método etnográfico como expoñente clásico.
A antropoloxía nace coma unha rama da filosofía que nas súas orixes se dedicaba ao estudo científico da historia. Ao impoñerse na cultura occidental o método científico, diversos autores pensaron que os fenómenos históricos tamén podían acharse gobernados por leis que podían pescudarse, enunciarse e ser utilizadas para a predición de resultados. Así mesmo coincide o seu desenvolvemento inicial co proceso de colonización europeo e a necesidade do estudo e descrición das sociedades non occidentais en América, Asia, Oceanía e África. Esta concepción abandónase durante o século XX, entendéndose actualmente por antropoloxía, segundo Marvin Harris, "o estudo da humanidade, dos pobos antigos e modernos e dos seus estilos de vida".