Arqueplástidos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os arqueplástidos ou Archaeplastida (tamén Plantae sensu lato ou Primoplantae) son un amplo grupo de eucariotas, que comprende as algas vermellas, as algas verdes, as plantas terrestres, e o pequeno grupo das glaucófitas.[1] Caracterízanse porque os plastos (cloroplastos) de todos estes organismos están rodeados por dúas membranas, o que suxire que estes plastos se orixinaron directamente a partir de cianobacterias endosimbióticas. En todos os outros grupos de seres vivos con plastos, estes están rodeados por tres ou catro membranas, o que suxire que foron adquiridos secundariamente a partir da endosimbiose con algas verdes ou vermellas que xa os tiñan.
Arqueplástidos Rango fósil: Mesoproterozoico - Recente | |||||
---|---|---|---|---|---|
Río con floración de algas. As plantas e algunhas algas pertencen aos Archaeplastida | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Subgrupos | |||||
Porén, o carácter monofilético de Archaeplastida, apoiado por moitos estudos,[2] non é aceptado por todos, xa que algúns o consideran parafilético.[3]
As células dos Archaeplastida carecen tipicamente de centríolos e teñen mitocondrias con cristas planas. Teñen xeralmente unha parede celular formada principalmente por celulosa, e almacenan o alimento en forma de amidón. Porén, estas características son tamén compartidas con outros eucariotas. As principais evidencias de que as Archaeplastida forman un grupo monofilético veñen de estudos xenéticos, que indican que os seus plastos teñen probablemente unha mesma orixe. Estas evidencias son discutidas.[4][5]
Os Archaeplastida comprenden dúas liñas evolutivas principais. As algas vermellas están pigmentadas con clorofila a e ficobiliproteínas, como moitas cianobacterias. As algas verdes e as plantas terrestres, denominadas en conxunto Viridiplantae (en latín "plantas verdes") ou Chloroplastida, presentan clorofilas a e b, pero carecen de ficobiliproteínas. As glaucófitas teñen os pigmentos típicos das cianobacterias, e presentan a característica pouco usual de conservaren parede celular nos seus plastos (chamados cianelas).[6]