Arte clásica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Arte e cultura clásicas son conceptos que inclúen a literatura clásica ou grecorromana: as distintas formas da literatura grega e a literatura latina (como a poesía, o teatro, a historia -historiografía clásica- e a filosofía -filosofía grega, filosofía helenística-); e no eido da arte non só as denominadas belas artes, senón tamén todas as artes menores (estendéndose ás veces a toda a cultura material).
Tamén forman parte da civilización clásica ou civilización grecorromana os demais trazos da súa cultura, crenzas (mitoloxía clásica -mitoloxía grega, mitoloxía romana-) e mesmo da súa vida cotiá (costumes da Antiga Grecia, costumes da Antiga Roma), así como a súa economía, sociedade e organización política, militar e relixiosa (relixión grega, relixión romana), especialmente as institucións gregas e as institucións romanas.
Os seus límites temporais son tan imprecisos como os da idade que lle corresponde: do século -VIII ao século V; ou ben terminando no século III d. C. (pois desde o século IV d. C. comezaría a hexemonía cultural do cristianismo); ou ben comezando no -III milenio (incluíndo así a civilización minoica e a civilización micénica). Personalizando en dous autores, a cultura clásica incluiría dende Homero até Apuleio; en dúas obras, dende o palacio de Cnosos até a Columna Traxana.
En Grecia, resérvase o nome de período clásico ao que se coñece como século de Pericles (de mediados do século -V a mediados do século -IV, mentres que para Roma faise o propio desde os últimos séculos da República Romana (século -II) até os primeiros séculos do Imperio Romano, cos Antoninos (século II d. C.).
Na periodización da Arte antiga, especificamente para a arte occidental, adóitase identificar o período preclásico (civilizacións do Antigo Oriente Próximo), o período clásico (arte grega e romana) e o período posclásico (arte da Antigüidade Tardía: arte tardorromana, paleocristiá e bizantina).