Arte románica
estilo artístico / From Wikipedia, the free encyclopedia
A arte románica foi o estilo artístico predominante na Europa cristiá dende mediados do século XI ata finais do século XII[1], abarcando tamén parte do XIII. O románico supón a arte cristiá, agrupando as diferentes opcións que se utilizaran na temperá Idade Media (romana, prerrománica, bizantina, xermánica e árabe) e conseguindo formular unha linguaxe específica e coherente aplicada a tódalas manifestacións artísticas. Non foi produto dunha soa nacionalidade ou rexión, senón que xurdiu de forma paulatina e case simultánea en territorios que se corresponderían coas actuais Italia (artista principal: Benedetto Antelami), Francia, Alemaña, España e Portugal. En cada un destes países xurdiu con características propias, aínda que con suficiente unidade como para ser considerado o primeiro estilo internacional cun ámbito europeo.
Xorde como consecuencia da prosperidade material e da renovación espiritual que inspirou a construción de gran número de igrexas e de edificios relixiosos. As primeiras construcións fixéronse en Lombardía, Borgoña e Normandía. Dende alí difundiuse por toda Europa, debido a:
- Expansión das ordes relixiosas (Cluny e Císter) que constrúen mosteiros. Estes son fonte de riqueza e centro cultural e urbano da sociedade.
- As peregrinacións (a través do Camiño de Santiago).
- Aumento da influencia da Igrexa.
Debido ás relacións entre relixiosos e nobres, os reis, nobres, bispos e abades dos mosteiros impulsaron a construción das grandes igrexas e ás veces eran aldeáns os que as custeaban e construían. As obras realizábanas artesáns especializados como arquitectos, canteiros, pintores etc. A arte románica foi sobre todo unha arte relixiosa, que reflectía os valores da nova sociedade feudal, que á vez era guerreira e cristiá.