Artigo (gramática)

From Wikipedia, the free encyclopedia

O artigo é un determinante actualizador con flexión de xénero e número que concorda co núcleo do sintagma nominal. A súa función é a de acompañar ao substantivo actualizándoo e precisándoo, transformándoo de descoñecido e abstracto ("libro") en coñecido e concreto ("o libro"), situándoo no mundo real.

A gramática tradicional distinguía entre artigo determinado (o, a, os, as) e indeterminado (un, unha, uns, unhas), sendo en realidade este último un tipo de cuantificador.

En galego hai un artigo masculino: o, os en plural, e outro feminino: a, as (alén das súas variantes alomórficas). Non todas as linguas posúen artigos e, por exemplo, o latín, do cal provén o galego, non os tiña: o artigo galego provén, así a todo, do pronome demostrativo latino ille, illa, illud. O uso do artigo galego conserva ás veces vestixios dese significado demostrativo.