Astronomía
ciencia que estuda os corpos celestes do universo / From Wikipedia, the free encyclopedia
A astronomía, do grego ἀστρονομία, que significa etimoloxicamente "as regras das estrelas" ou astro-nomos, é a ciencia natural que estuda a orixe, evolución e eventos dos obxectos celestes; para o cal fai uso das matemáticas, a física e a química. O obxectos celestes de interese inclúen planetas, satélites, estrelas, nebulosas, galaxias e cometas. Eventos relevantes abarcan explosións de supernovas, gromos de raios gamma, quasars, blazars, púlsares e a radiación de fondo cósmico de microondas. Nun sentido máis amplo, a astronomía estuda calquera obxecto ou evento orixinado fóra da atmosfera terrestre. A cosmoloxía é unha rama da astronomía que estuda o universo como un todo.[1]
A astronomía é unha das ciencias máis antigas. As civilizacións máis temperás das que se teñen rexistros históricos facían observacións metódicas do ceo nocturno. Entre elas están a babilónica, grega, india, exipcia, chinesa, maia e moitas dos pobos indíxenas de América. No pasado, a astronomía incluía disciplinas tan diversas coma a astrometría, a navegación astronómica, a astronomía de observación, e a elaboración de calendarios. Despois de comprender que os elementos que forman os obxectos celestes son os mesmos que conforman a Terra, e que as leis da física se aplican do mesmo xeito, naceu a astrofísica como unha aplicación da física ós fenómenos observados pola astronomía. Hoxe en día é frecuente dicir que a astronomía profesional é o mesmo cá astrofísica.[2] Os astrónomos necesitan unha gran preparación en física, e as observacións fanse sempre nun contexto astrofísico, estando ligados con frecuencia ambos os campos.
A astronomía profesional comprende as ramas de astronomía de observación e astronomía teórica. A astronomía de observación céntrase na recollida de datos por medio de observacións dos obxectos astronómicos. Estes datos son posteriormente analizados usando os principios básicos da física. A astronomía teórica oriéntase cara ao desenvolvemento de modelos computacionais ou analíticos para describir os obxectos astronómicos e os eventos. Estes dous campos compleméntanse entre si: a astronomía teórica busca explicar os resultados da observación, e as observacións úsanse para confirmar resultados teóricos.
A astronomía é unha das poucas ciencias na que hoxe en día os afeccionados aínda teñen un papel activo.[3] Isto é especialmente certo para o descubrimento e observación de eventos astronómicos transitorios. Os astrónomos afeccionados axudaron con moitos achados importantes de obxectos transeúntes, especialmente cometas, e na observación e seguimento da variabilidade das estrelas.