Axón
From Wikipedia, the free encyclopedia
O axón[1][2][3][4] ou axon[5] é a prolongación longa e delgada que presentan as neuronas, que conduce os potenciais eléctricos do impulso nervioso fóra do soma da neurona. Tamén se chama cilindroeixe.[6]
Estrutura dunha neurona típica |
---|
O axón é un dos dous tipos de prolongacións que presentan as células nerviosas, o outro son as dendritas. Os axóns distínguense das dendritas en varios aspectos, como a forma (as dendritas xeralmente se van adelgazando cara ao seu extremo, mentres que o axón mantén case constante o seu diámetro), lonxitude (as dendritas son menos longas), ramificación (as dendritas xeralmente están máis ramificadas, pero os axóns dalgunhas neuronas poden ter tamén bastantes ramificacións), e función (o normal é que as dendritas reciban os sinais e os axóns os transmitan). Pero hai excepcións para cada un dos casos.
Algúns tipos de neuronas non teñen axón (células amácrinas da retina) e transmiten sinais polas súas dendritas. As neuronas teñen só un axón, pero en invertebrados (insectos, sambesugas) o axón consta ás veces de varias rexións que funcionan máis ou menos independentemente unhas das outras.[7] A maioría dos axóns ramifícanse, nalgúns casos moi profusamente. O conxunto de ramificacións do axón chámase telodendron. O final das ramificacións están os botóns sinápticos, zonas máis alargadas onde se realiza a sinapse.
Os axóns fan contacto con outras células, normalmente outras neuronas ou ás veces células musculares ou glandulares, por medio de sinapses. Nunha sinapse a membrana do axón se achega moi preto da membrana da outra célula e transmítelle sinais electroquímicas a través do espazo entre elas, xeralmente liberando unha substancia chamada neurotransmisor. Algunhas unións sinápticas están situadas ao final do axón e outras vanse formando ao longo da súa lonxitude. Un só axón con todas as súas ramificacións pode establecer miles de sinapses.