Bóveda (arquitectura)
elemento arquitectónico de forma curva que serve para cubrir espazos ou recintos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha bóveda é unha obra de cachotaría ou fábrica de forma curva, que serve para cubrir o espazo comprendido entre dous muros ou unha serie de piares enliñados.
É unha estrutura moi apropiada para cubrir espazos arquitectónicos amplos con pezas pequenas. A súa xeometría pode ser de simple ou dobre curvatura. Nas edificacións modernas, tamén se aplica o termo a estruturas de cubertas curvadas nas que o espesura é mínima, chamadas tamén cascas.
Tanto nas antigas bóvedas como nas modernas a solicitación predominante nos seus elementos é a de compresión, asemellándose a un arco, ou, mellor dito, a un conxunto de arcos, que conforman unha superficie.
O material empregado na construción pode ser a pedra, para formar doelas; o ladrillo, para a bóveda á catalá; aceiro, formigón armado etc. As doelas poden ir aparelladas en seco, isto é, sen trabazón, aínda que o habitual é que se unan cun material aglomerante.
Na Historia da Arquitectura as bóvedas, de ladrillo ou pedra, tiveron un papel importante na edificación que perdeu coa xeneralización das técnicas e materiais de construción modernos. Primeiro o aceiro e logo o formigón armado posibilitaron edificacións alinteladas de grandes luces, antes só posibles con bóvedas.
Non obstante, as bóvedas de formigón armado son utilizadas profusamente na enxeñaría civil para construír galerías, túneles, cubertas de grandes luces e, en xeral, todas aquelas obras onde os elementos traballando a flexión resulten desvantaxosos desde un punto de vista técnico e económico.