orgánulo eucariótico formado por proteínas e RNA From Wikipedia, the free encyclopedia
A bóveda (en inglés vault) ou ribonucleoproteína citoplasmática bóveda é un orgánulo eucariota formado por proteínas e RNA de función aínda pouco comprendida. Foi descuberto e illado pola bióloga celular Nancy Kedersha e o bioquímico Leonard Rome da Escola de Medicina da UCLA na década de 1980. As bóvedas son orgánulos citoplasmáticos que ollados co microscopio electrónico lembran os arcos da bóveda dunha catedral.[1] Están presentes en moitos tipos de células eucariotas e parecen estar moi conservadas evolutivamente entre os eucariotas.[2]
As bóvedas son partículas ribonucleoproteicas de gran tamaño. Son unhas tres veces máis grandes ca un ribosoma e pesan aproximadamente 13 MDa. Teñen medidas algo distintas segundo a técnica utilizada; miden 34 por 60 nm preparadas con tinguidura negativa, 26 por 49 nm con microscopia crioelectrónica, e 35 por 59 nm con microscopio electrónico de transmisión e varrido (STEM).[3] As bóvedas están formadas principalmente de proteínas, o que fai difícil tinguilas coas técnicas convencionais.
O complexo da bóveda consta de tres compoñentes: proteína da bóveda maior, dúas proteínas da bóveda menores (as proteínas encimáticas VPARP e TEP1, que tamén se encontran noutras partes da célula [4]), e varias moléculas pequenas de RNA. A estrutura proteica consta de moitas proteínas da bóveda maiores (MVP) unidas a unha das dúas proteínas da bóveda menores. Para formar o orgánulo únense dous grandes complexos formados cada un por varias proteínas da bóveda maiores e unha proteína da bóveda menor, que se pechan orixinando a estrutura con forma de barril do orgánulo. Conteñen tamén pequenos RNAs da bóveda (chamados vRNAs ou vtRNAs).[5]
Nos humanos a proteína da bóveda maior está codificada polo xene MVP do cromosoma 16.[6][7] Este xene produce dous transcritos utilizando dúas secuencias do exón 2 alternativas; pero, o marco de lectura aberto é o mesmo en ambos os transcritos.[7] A proteína da bóveda maior interacciona co receptor de estróxenos alfa,[8] PTEN[9] e o PARP4.[10][11]
Os RNAs da bóveda (vRNA ou vtRNA) están formados por 86–141 bases [5]. Os estudos de microscopía crioelectrónica indicaron que o vRNA se encontra na parte interna do orgánulo, preto dos extremos das cubertas da bóveda. Esta posición suxire que o vRNA podería interaccionar tanto co exterior coma co interior da bóveda.[12] A proteína da bóveda menor TEP1 está implicada na estabilización do vRNA.[13]
A pesar de que a súa función non foi aínda de todo aclarada, as bóvedas foron asociadas cos complexos dos poros nucleares e a súa forma octogonal parece apoiar isto.[14] Chegouse a conclusión de que a función das bóvedas podería ser o transporte de moléculas, como o mRNA, desde o núcleo celular a certas partes do citoplasma.[15] Tamén se pensa que as bóvedas xogan un papel na síntese de proteínas.[16] As bóvedas poden ter a función de loitar contra patóxenos.[1]
A finais da década de 1990, descubriuse que as bóvedas (especialmente as proteínas da bóveda maiores) se sobreexpresaban en pacientes de cancro que tiñan un diagnóstico de multirresistencia, é dicir, resistencia contra moitos tratamentos de quimioterapia.[17] Aínda que isto non proba que a maior expresión das bóvedas orixine a resistencia ás drogas utilizadas nos tratamentos, si suxire algún tipo de implicación.[18]
Identificáronse bóvedas en mamíferos, anfibios, aves e Dictyostelium discoideum.[2] O modelo de bóveda utilizado na base de datos Pfam identificou homólogos no Paramecium tetraurelia, Kinetoplastida, moitos vertebrados, un cnidario (a anemone Nematostella vectensis), moluscos, Trichoplax adhaerens, vermes planos, Echinococcus granulosus e coanoflaxelados.[19]
Aínda que son frecuentes nos eucariotas, nalgunhas especies non se atoparon as proteínas das bóvedas. Entre elas están:[20]
Estas catro especies son organismos modelo para plantas, nematodos, xenética animal e estudo dos fungos, respectivamente. Malia a existencia destas excepcións, o alto grao de similitude das bóvedas nos organismos que as posúen implica que deben ter certa importancia evolutiva.[2]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.