Base (química)
substancia que pode doar un par de electróns de valencia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha base en química é unha substancia que pode doar un par de electróns de valencia. Dun xeito máis restrinxido (historicamente, tamén máis antigo), é unha substancia que pode aceptar catións hidróxeno (protóns). Ás bases solubles chámaselles álcalis se conteñen e liberan ións hidróxido(OH-). Correspondendo co anterior, a teoría de Brønsted-Lowry define as bases como aceptoras de protóns (ións hidróxeno), mentres a máis xeral teoría de Lewis as define como doantes de pares electrónicos, permitindo así incluír ácidos que non entran como tales na teoría de Lewis.[1] A máis vella teoría de Arrhenius define as bases como anións hidróxido,[2] o que é aplicable estritamente só ós álcalis. Na auga, por alteración do equilibrio de ionización, as bases dan solucións con actividade de ións hidróxeno menor que a correspondente á auga pura, é dicir, un pH maior que 7 en condicións normais. Exemplos de bases comúns son o hidróxido de sodio e o amoníaco. Os óxidos metálicos, hidróxidos e en particular os alcaloides son básicos, e os anións correspondentes con ácidos débiles son bases débiles.
As bases poden concibirse como produtos químicos opostos ós ácidos. A reacción entre un ácido e unha base chámase neutralización. Considérase dita oposición a causa do efecto dun ácido en auga de aumentar a concentración do ión hidronio (H3O+), mentres que as bases reducen dita concentración. Bases e ácidos atópanse con frecuencia en forma de solución acuosa. As solucións acuosas de bases reaccionan con solucións acuosas de ácidos para producir auga e sal (asemade en solución acuosa) onde o sal está separada nos seus ións compoñentes. Se a solución acuosa é unha disolución saturada en relación a un sal soluto dada, calquera aumento da mesma na disolución resultará na formación dun precipitado salino.
A noción de base como concepto en química foi introducido por primeira vez polo químico francés Guillaume François Rouelle en 1754. Decatouse que os ácidos, que naquel momento eran principalmente líquidos volátiles (como o ácido acético), volvíanse sales sólidas só cando se combinaban con substancias específicas. Rouelle considerou que esas substancias servían como unha "base" para o sal, dando ó sal unha "forma concreta ou sólida".[3]