From Wikipedia, the free encyclopedia
Bedřich Hrozný, nado en Lysá nad Labem o 6 de maio de 1879 e finado en Praga o 12 de decembro de 1952, foi un lingüista, orientalista e arqueólogo checo, que destacou por ser o primeiro en descifrar o hitita e a recoñecela como lingua indoeuropea.
Nado en Lysá nad Labem, en Bohemia central, estudou hebreo e árabe en Kolin e en 1904 participou nalgunhas escavacións na Palestina setentrional. A continuación, especializouse en asirioloxía, linguas orientais e escritura cuneiforme na Universidade de Viena, onde foi profesor do 1905 ao 1919[1].
Chamado a filas na Primeira guerra mundial, tivo ocasión de estudar as taboíñas cuneiformes ata o daquela sen descifrar atopadas en Boğazköy, no asentamento que despois habería ser identificado como Ḫattuša, a capital do Imperio hitita. Aplicando o método combinatorio deu deducido, partindo dos ideogramas xa coñecidos, o senso das outras palabras que constituían unha determinada frase. Illou e descifrou así diferentes elementos, entre os que estaban unha desinencia -an con función de acusativo singular, unha raíz verbal ad- / eza- co significado de "comer", nas formas ezateni ("vós comeredes") e adanzi ("eles comerán"); vadar co significado de "auga"[2].
A aplicación do método comparativo propio da indoeuropeística permitiulle inmediatamente a Hrozný establecer estreitas conexións entre a lingua que viña de descifrar, o hitita, e outras linguas indoeuropeas: ad- / eza- era inmediatamente comparábel co latín edo, ao alemán essen, ao checo jìsti; vadar ao inglés water, ao alemán Wasser, ao checo voda. A primeira frase descifrada por Hrozný en hitita foi unha fórmula litúrxica: «Agora vós comeredes pan, despois beberedes auga»[2].
Os resultados dos seus estudos, publicados en 1917, revolucionaron a indoeuropeística e conduciron progresivamente ao abandono de diversos paradigmas elaborados pola disciplina no curso do século XIX, da reconstrución "greco-sanscritista" proposta pola escola neogramática alemá á existencia dunha isoglosa dialectal que tería dividido as linguas indoeuropeas en occidentais e orientais (isoglosa centum-satem)[2].
Do 1919 ao 1952, ano da súa morte, Hrozný detentou a Cátedra de Historia do Oriente Antigo na Universidade Carolina de Praga, onde foi Reitor entre o 1939 e o 1940. En 1925 dirixiu unha expedición checoslovaca a Kültepe (a hitita Neš ou Kaneš), sempre en Anatolia, onde atopou un milleiro de taboíñas en asirio[1].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.