Bicapa lipídica
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha bicapa lipídica é unha membrana delgada feita de dúas capas de lípidos. Estas membranas son láminas planas que forman unha barreira continua e delimitan as células. A membrana plasmática de todos os organismos vivos e a membrana da envoltura de moitos virus está composta dunha bicapa lipídica, e tamén as membranas que rodean o núcleo celular e outras estruturas subcelulares, aínda que todas estas membranas conteñen tamén proteínas de membrana, que son fundamentais na súa función. A bicapa lipídica é a barreira que mantén a ións, proteínas e outras moléculas compartimentadas e lles impide a libre difusión. As bicapas lipídicas son ideais para este papel porque, aínda que son só duns poucos nm de espesor, son impermeables á maioría das moléculas solubles en auga (moléculas hidrófilas). As bicapas son especialmente impermeables aos ións, o que permite que as células regulen as concentracións de electrólitos e pH por medio do bombeo de ións a través das súas membranas usando proteínas chamadas bombas de ións.