Bioinformática
rama da bioloxía: ciencia que estuda gran parte correspondente do ADN / From Wikipedia, the free encyclopedia
A bioinformática, segundo unha das súas definicións máis sinxelas, é a aplicación de tecnoloxía de computadores á xestión e análise de datos biolóxicos.[1] Os termos bioinformática, bioloxía computacional e, ás veces, biocomputación, utilízanse en moitas situacións practicamente como sinónimos,[2][3] e fan referencia a campos de estudo interdisciplinares moi vinculados que requiren o uso ou o desenvolvemento de diferentes técnicas estudadas na Universidade na Enxeñaría Informática como ciencia aplicada da disciplina informática.[4] Entre estas poden salientarse as seguintes: matemática aplicada,[5] estatística,[6] ciencias da computación,[7] intelixencia artificial,[8] química[9] e bioquímica[10] coas que o enxeñeiro informático soluciona problemas ao analizar datos, ou simular sistemas ou mecanismos, todos eles de tipo biolóxico, e usualmente (pero non de forma exclusiva) no nivel molecular.[11] O núcleo principal destas técnicas está na utilización de recursos computacionais para solucionar ou investigar problemas sobre escalas dunha magnitude que superan a comprensión humana. A investigación en bioloxía computacional solápase a miúdo coa bioloxía de sistemas.[12]
Os principais esforzos de investigación nestes campos inclúen o aliñamento de secuencias, a predición de xenes, montaxe do xenoma, aliñamento estrutural de proteínas, predición da estrutura de proteínas, predición da expresión xénica, interaccións proteína-proteína, e modelización da evolución biolóxica.[13]
Unha constante en proxectos de bioinformática e bioloxía computacional é o uso de ferramentas matemáticas para extraer información útil de datos producidos por técnicas biolóxicas de alta produtividade, como a secuenciación do xenoma. En especial, a montaxe ou ensamblaxe de secuencias xenómicas de alta calidade a partir de fragmentos obtidos trala secuenciación do ADN a grande escala é unha área de grande interese.[13][14] Outros obxectivos son o estudo da regulación xenética para interpretar perfís de expresión xénica utilizando datos de chips de ADN ou espectrometría de masas.[15]