Bomba hidráulica
dispositivo que move fluídos (líquidos ou gases) por acción mecánica / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha bomba[1] é unha máquina hidráulica xeradora que transforma a enerxía (xeralmente enerxía mecánica) coa que é accionada en enerxía hidráulica do fluído incompresíbel que move. O fluído incompresíbel pode ser líquido ou unha mestura de líquidos e sólidos como pode ser o formigón antes de fraguar ou a pasta de papel. Ao incrementar a enerxía do fluído, auméntase a súa presión, a súa velocidade ou a súa altura, todas elas relacionadas segundo o principio de Bernoulli. En xeral, unha bomba utilízase para incrementar a presión dun líquido engadindo enerxía ao sistema hidráulico, para mover o fluído dunha zona de menor presión ou altitude a outra de maior presión ou altitude.
Existe unha ambigüidade na utilización do termo bomba, xa que xeralmente é utilizado para referirse ás máquinas de fluído que transfiren enerxía, ou bombean fluídos incompresíbeis, e polo tanto non alteran a densidade do seu fluído de traballo, a diferenza doutras máquinas como o son os compresores, cuxo campo de aplicación é a pneumática e non a hidráulica. Pero tamén é común atopar o termo bomba para referirse a máquinas que bombean outro tipo de fluídos, así como o son as bombas sen carga ou as bombas de ar.