Brasil
país de América do Sur / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios[1] e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie a metade do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 213 317 639 (2021), así como en territorio. Porén, presenta un dos máis baixos índices de densidade de poboación. A súa capital é a cidade de Brasilia, a cal substituíu a Río de Xaneiro en 1960. Antes da cidade fluminense a primeira capital do país fora Salvador.
República Federativa do Brasil (pt) | |||||
Himno | Himno do Brasil | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Ordem e Progresso» | ||||
Nomeado en referencia a | Pau brasil | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Brasilia (1960–) | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 203.062.512 (2022) (23,85 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua portuguesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 8.515.767 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico, Amazonas, Río Paraná e Río São Francisco | ||||
Punto máis alto | Pico da Neblina (2.994 m) | ||||
Punto máis baixo | Océano Atlántico (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 7 de setembro de 1822: Imperio do Brasil | ||||
Día festivo | Dia da Fraternidade Universal (pt) (1 de xaneiro) Dia de Tiradentes (pt) (21 de abril) Día Internacional dos Traballadores (1 de maio) Dia da Pátria (pt) (7 de setembro) Día dos Fieis Defuntos (2 de novembro) Nadal (25 de decembro) valor descoñecido (15 de novembro) valor descoñecido (12 de outubro) sen valor | ||||
Santo padrón | Nossa Senhora da Conceição Aparecida (pt) | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república federal democracia representativa presidencialismo | ||||
Órgano executivo | Governo Federal do Brasil (pt) | ||||
• Presidente (pt) | Luiz Inácio Lula da Silva (2023–) | ||||
Órgano lexislativo | Congresso Nacional do Brasil (pt) , | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supremo Tribunal Federal (pt) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 1.649.622.972.159 $ (2021) | ||||
Moeda | Real brasileiro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .br | ||||
Prefixo telefónico | +55 | ||||
Teléfono de emerxencia | 190 (en) , 192 (pt) , 193 e 188 (pt) | ||||
Código de país | BR | ||||
Sitio web | gov.br | ||||
O Brasil comparte fronteiras con tódolos países suramericanos exceptuando Chile e Ecuador. Así, ao norte limita con Colombia, Venezuela, a Güiana, Suriname e a Güiana Francesa, ao sur coa Arxentina, o Uruguai e Paraguai e ao oeste con Bolivia e o Perú. Ao leste, durante 7.491 km, o país está bañado polas augas do océano Atlántico. Ademais do territorio continental, o Brasil posúe grandes grupos de illas no Atlántico, por exemplo o Arquipélago de San Pedro e San Paulo, Atol das Rocas, Fernando de Noronha, territorio especial do estado de Pernambuco, e Trindade e Martim Vaz en Espírito Santo. Conta tamén cun complexo de pequenas illas e corais chamado Atol das Rocas, que pertence ao estado de Río Grande do Norte.
Habitado orixinariamente polos amerindios, o Brasil converteuse nunha colonia do Reino de Portugal tralo seu descubrimento da man de Pedro Álvares Cabral no ano 1500 e o Tratado de Tordesillas. No ano 1815, foi elevado á categoría de Reino, aínda que xa perdera os seus lazos coloniais varios anos antes, en 1808, despois da invasión portuguesa de Napoleón. O país obtivo a súa completa independencia o 7 de setembro de 1822, constituíndose como un estado unitario gobernado baixo unha monarquía constitucional e un sistema parlamentario. Anos despois, en 1889, un golpe de estado militar proclamou a República. A súa última Constitución, formulada en 1988, define ao país como unha república federal.
Climaticamente é un país tropical, xa que se atopa sobre a liña ecuatorial, abarcando partes tanto no hemisferio sur como no hemisferio norte, con todo as estacións climáticas non se senten dun xeito radical. Parte do seu territorio está cuberto pola selva tropical amazónica, que con 3,6 millóns de km² é a máis grande do mundo. Grazas a todo isto é o país con máis especies de animais distintas no mundo. Demograficamente, a maior parte da súa poboación concéntrase ao longo do litoral, mentres o interior está marcado por enormes baleiros demográficos. A nivel lingüístico, o Brasil é o único país de lingua portuguesa do continente, aínda que tamén son faladas outras moitas linguas. A relixión con máis seguidores é o catolicismo, sendo o país con maior número de católicos nominais do mundo. A sociedade brasileira é unha das máis multiétnicas do planeta, formada por descendentes de europeos, indíxenas, africanos e asiáticos.
A economía brasileira é a maior de América Latina e do hemisferio Sur, así como a sétima maior do mundo polo seu Produto Interior Bruto nominal e por paridade de poder adquisitivo. É ademais unha das principais economías con máis rápido crecemento económico. O país é membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da que é membro fundador, G20, Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), Unión Latina, Organización dos Estados Americanos (OEA), Organización dos Estados Iberoamericanos (OEI), Mercado Común do Sur (Mercosur) e da Unión de Nacións Suramericanas (Unasur), ademais de ser un dos países BRICS, xunto coa China, a India, Rusia e Suráfrica.
As raíces etimolóxicas do termo Brasil son de difícil reconstrución. O filólogo Adelino José da Silva Azevedo postulou que se trata dunha palabra de procedencia celta, barkino, mais tamén advertiu que as orixes máis remotas do termo poderían atoparse na lingua dos antigos fenicios. Este vocábulo utilizábase para nomear a un colorante vermello utilizado por esta civilización. Na Idade Media, a palabra foi deformada polos xenoveses a brazi.
Na época colonial, cronistas da importancia de João de Barros, frei Vicente do Salvador ou Pero de Magalhães Gândavo presentaron explicacións semellantes acerca da orixe do nome Brasil. De acordo con eles, derivaría de pau brasil (Caesalpinia echinata), designación dada a un tipo de madeira avermellada empregada na ebanistería e na tinguidura de tecidos. Na era dos descubrimentos, era común entre exploradores gardar coidadosamente o segredo de todo canto descubrían ou conquistaban a fin de asegurar unha exploración exclusiva do territorio, porén os portugueses non tardaron en anunciar rapidamente por toda Europa o novo descubrimento da "illa Brasil" no medio do océano Atlántico, de onde se extraía este tipo de madeira.[2]
Con todo, antes de recibir a súa designación actual, as novas terras descubertas foron designadas de distintas formas, entre outras, Monte Pascoal, cando os descubridores avistaron terras por primeira vez, Illa de Vira Cruz, Terra de Santa Cruz, Nova Lusitânia ou Cabrália. En 1967, coa primeira Constitución da ditadura militar, o Brasil pasou a chamarse República Federativa do Brasil, nome que se conserva na actual Constitución de 1988. Anteriormente, na época da monarquía constitucional, o nome oficial era o de Imperio do Brasil e, posteriormente, coa proclamación da República en 1889, cambiou a Estados Unidos do Brasil.[3]
Os habitantes naturais do Brasil son denominados segundo a Real Academia Galega brasileiros,[4] xentilicio que foi rexistrado por vez primeira en portugués en 1706,[5] aínda que inicialmente só se refería aos que comercializaban pau brasil.[6] Porén, non foi até 1824, coa primeira constitución brasileira, que o xentilicio pasou legalmente a designar as persoas naturais do país. En portugués utilízanse ademais outros xentilicios como brasílico, brasílio, brasiliano e brasiliense, este último tamén aceptado pola RAG, aínda que para designar aos habitantes de Brasilia, a capital federal.[7]
- Artigos principais: Historia do Brasil e Cronoloxía do Brasil.
Período precolonial
No momento da chegada ás costas do Brasil por parte dos portugueses, da man de Pedro Álvares Cabral, no ano 1500, estímase que a costa oriental de América do Sur estaba habitada por ao redor de dous millóns de indíxenas. A poboación amerindia estaba repartida en grandes nacións indíxenas compostas por varios grupos étnicos, entre os cales destacaban os grupos tupí-guaraní, macro-jê e arauaco. Os primeiros, por exemplo, estaban subdivididos entre os guaranís, os tupís e os tupinambas, entre moitos outros. Precisamente foron os tupís a primeira etnia indíxena que tivo contacto cos colonizadores, sendo o seu territorio o comprendido entre os actuais Estados de Río Grande do Sur e Río Grande do Norte.[8]
Os portugueses atoparon aos nativos aínda na Idade de Pedra e divididos en varías tribos que constantemente loitaban entre si. As fronteiras entre estes grupos indíxenas, antes da chegada dos europeos, xurdían por mor de distintas guerras entre eles, xurdidas por mor das diferenzas culturais e lingüísticas. Estas guerras abarcaban accións bélicas a grande escala, tanto en terra como na auga, coa antropofaxia ritual sobre os prisioneiros de guerra. O territorio que hoxe pertence a Brasil, ademais do restante de América do Sur, porén, estaba xa dividido entre dúas potencias europeas, Portugal e Castela, antes aínda do seu descubrimento oficial. O Tratado de Tordesillas, asinado en 1494, foi un importante acordo para a definición das futuras fronteiras, que dividía o continente de norte a sur, dende o actual estado do Pará até a cidade de Laguna en Santa Catarina, sendo posteriormente bastante alterada coa expansión portuguesa cara ao oeste.
A colonización
A terra agora chamada Brasil foi reivindicada por Portugal en abril de 1500 coa chegada da frota portuguesa comandada por Pedro Álvares Cabral, a quen se lle atribúe o seu descubrimento tras avistar terra o 21 de abril de 1500 e chegando á actual cidade de Porto Seguro (Baía) ao día seguinte. Porén, a colonización non comezou de xeito efectivo até anos máis tarde coa fundación da vila de São Vicente, por Martim Afonso de Sousa en 1532 e coa división do territorio en doce capitanías hereditarias feita por Xoán III en 1534. Con todo, o fracaso deste sistema de capitanías levou o rei a nomear un Gobernador Xeral para administrar toda a colonia. O 29 de marzo de 1549 foi fundada a cidade de Salvador para ser a capital.
Os portugueses asimilaron algunhas das tribos nativas, mentres que outras foron escravizadas ou exterminadas, xa sexa ao contraer por doenzas europeas para as cales non estaban inmunizados, ou por mor das longas guerras que se produciron durante os dous primeiros séculos de colonización entre grupos indíxenas rivais e os seus aliados europeos. A colonización presentaba grandes dificultades engadidas, xa que a estrutura económica portuguesa non estaba preparada para afrontala. A mediados do século XVI, cando o azucre de cana se converteu no máis importante produto de exportación do Brasil, os portugueses comezaron a importar de escravos africanos comprados nos mercados de África occidental, inicialmente para lidar coa crecente demanda internacional do produto. Anteriormente tentaran escravizar aos indíxenas, mais foron dezmados ao non someterse.
En canto aao control territorial, ignorando o Tratado de Tordesillas de 1494, os portugueses foron ampliando as súas fronteiras a través de expedicións coñecidas como bandeiras, chegando até onde hoxe se sitúa a maior parte da fronteira do país. Isto levou a que tiveran que pasar os séculos XVI e XVII defendendo tales conquistas contra potencias rivais europeas, tendo que rexeitar as francesas e neerlandesas. Tralo rexeitamento das tentativas de colonización, non quedou practicamente ningunha influencia cultural destas potencias europeas. Das intrusións coloniais, a de máis longa duración foi a neerlandesa. Os corsarios holandeses comezaron por saquear a costa, como ocorreu en Baía en 1604 onde chegaron a capturar temporalmente a capital, Salvador. De 1630 a 1654, estabelecéronse permanentemente no nordés e controlaron unha longa franxa de costa. Con todo, non lles resultou sinxelo, pois os colonos da Compañía Holandesa das Indias Occidentais vivían en constante estado de sitio. Tras varios anos de guerra, retiráronse formalmente en 1661.
Ao final do século XVII, debido á competencia colonial as exportacións de azucre comezaron a declinar, mais o descubrimento de ouro por parte dos bandeirantes na década de 1690, abriu un novo ciclo para a economía da colonia, promovendo unha febre do ouro. Esta situación atraeu miles de novos colonos, vindos non só de Portugal senón tamén doutras colonias portuguesas ao redor do mundo, o que á súa vez acabou xerando conflitos, como a guerra dos Emboabas, entre os antigos colonos e os chegados recentemente.
Para garantir o mantemento da orde colonial interna, alén da defensa do monopolio de explotación económica do Brasil, o foco da administración colonial portuguesa se concentrou tanto en manter so control e erradicar as principais formas de rebelión e resistencia dos escravos, como por exemplo a do Quilombo dos Palmares, como en reprimir todo movemento de autonomía ou independencia política. A primeira delas foi a revolta de Filipe dos Santos en 1720. Anos máis tarde xurdirían grandes movementos coa intención de proclamar a independencia e reivindicar a abolición da escravitude, como é o caso das Conxuras Mineira (1789), Carioca (1794) e Baiana (1798).
A Conxura Mineira partiu da elite de Minas Xerais, debido á decadencia da minaría na segunda metade do século XVIII, o que facía difícil pagar os impostos esixidos pola coroa portuguesa. Ademais, o goberno portugués pretendía promulgar un imposto que esixía que toda a poboación contribuíse coa recadación do 20% do valor do ouro retirado, afectando incluso aos que non traballaban nas minas. Os colonos subleváronse e pasaron a conspirar contra Portugal para crear un estado independente baixo a forma dunha República, inspirados polas ideas da Ilustración francesa e independencia norteamericana. Con todo, os líderes do movemento foron detidos e enviados a Río de Xaneiro, onde foron xulgados e condenados.
A Conxura Baiana, polo contrario, foi un movemento que partiu da clases máis humildes da sociedade de Brasil, con gran participación de xastres ou alfaiates, por iso tamén é coñecida como Revolta dos Alfaiates. Os revolucionarios predicaban a liberación dos escravos, a instauración dun goberno igualitario onde as persoas fosen promovidas de acordo coa capacidade e merecemento individuais, ademais da instauración dunha República na Baía. O 12 de agosto de 1798, o movemento precipitouse cando algúns dos seus membros alertaron as autoridades ao distribuír panfletos na porta das igrexas, o que supuxo a súa detención. Centenares de persoas foron denunciadas, detidas, prendidas e procesadas. Catro participantes foron condenados á forca e os restos dos seus corpos foron esparexidos pola baía para agoirar á poboación.
Reino Unido con Portugal
- Artigos principais: Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve e Reino do Brasil.
A finais de 1807, forzas castelás e napoleónicas ameazaron a seguridade do Portugal continental, facendo que o príncipe rexente Xoán VI, en nome da raíña María I, trasladase a corte real de Lisboa cara ao Brasil. O estabelecemento da corte portuguesa levou á creación dalgunhas das primeiras institucións brasileiras, como as bolsas de valores locais e un banco nacional. Acabou ademais o monopolio comercial que Portugal mantiña so o Brasil, liberalizando os trocos comerciais con outras nacións e abrindo os portos á nacións amigas. En 1809, en vinganza por ser forzado a un "autoexilio" no Brasil, o príncipe rexente ordenou a conquista portuguesa da Güiana Francesa.
Co fin da guerra peninsular en 1814, os tribunais europeos esixiron que a raíña María I e o príncipe rexente Xoán regresasen a Portugal, xa que consideraban impropio que representantes dunha antiga monarquía europea residisen nunha colonia. En 1815, para xustificar a súa permanencia no Brasil, onde a corte real estaba a prosperar nos últimos seis anos, creouse o Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve, estabelecendo así un Estado monárquico transatlántico e pluricontinental con capital en Río de Xaneiro. Así, o Brasil pasa de ser a única colonia do mundo a converterse, momentaneamente, en metrópole.
Iso irritou a sectores da sociedade portuguesa da época e non foi suficiente para calmar a demanda de retorno da corte a Lisboa, como se esixiu na revolución liberal do Porto en 1820, nin o desexo de independencia por parte de grupos brasileiros, como por exemplo a Revolución Pernambucana de 1817. Porén, rexeita retornar e aproba unha lei na cal calquera decisión tomada en Lisboa que afectase a todo o Reino Unido debería ser ratificada por el persoalmente. En 1821, como esixencia por parte dun grupo de revolucionarios que tomaran a cidade do Porto, Xoán VI parte para Lisboa, onde fixo un xuramento á nova constitución, deixando seu fillo, o príncipe Pedro de Alcántara como Rexente do Reino do Brasil.
Independencia e Imperio
- Artigo principal: Imperio do Brasil.
Xoán VI regresou a Europa o 26 de abril de 1821, deixando ao seu primoxénito, Pedro de Alcántara, como príncipe rexente. O goberno portugués tentou transformar o Brasil nunha colonia unha vez máis, privando o país do estatuto de Reino adquirido en 1815. Porén, os brasileiros non cederon e Pedro declara a independencia do país do Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve o 7 de setembro de 1822, sendo coroado como primeiro emperador do Brasil o 1 de decembro.
Aínda que os primeiros intentos por independizar ao país do control portugués adoptaron os ideais republicanos, como foi o caso da Conxura Mineira, no século XIX case tódolos brasileiros estaban a favor dunha monarquía.[9][10] A Guerra de Independencia propagouse por case todo o territorio, aínda que as principais batallas libráronse nas Rexións Norte, Nordeste e Sur (na provincia Cisplatina, actual Uruguai). Os últimos soldados portugueses rendéronse o 8 de marzo de 1824, sendo a a independencia recoñecida por Portugal máis dun anos despois, o 29 de agosto de 1825, no Tratado do Río de Xaneiro.
Tras ser aprobada polos consellos municipais de todo o país, o 25 de marzo de 1824 promúlgase a primeira Constitución brasileira.[11] O 7 de abril de 1831, Pedro I abdica cando regresou a Europa para recuperar o trono da súa familia para a súa filla María, deixando ao seu fillo de cinco anos, Pedro II, como sucesor. Como o novo emperador non podía exercer as súas funcións debido á súa idade, creouse unha rexencia. As disputas entre distintas faccións políticas levaron a unha rexencia inestable, na que houbo rebelións chegando case a adoptarse o anarquismo.[12] Aínda que os grupos rebeldes non estaban en contra da monarquía, algúns declararon a independencia das súas provincias formando novas repúblicas independentes mentres Pedro II fose incapaz de gobernar. Os casos máis notorios foron o da República Rio-Grandense (hoxe Estado de Río Grande do Sur) e República Xuliana (hoxe Santa Catarina) os cales, por medio da guerra dos Farrapos, proclamaron a súa secesión do Imperio brasileiro.[13]
Debido a todas estas circunstancias, Pedro II foi declarado emperador prematuramente aos catorce anos. A partir de aí, o Brasil gozou de varias décadas de estabilidade política e rápido progreso económico, sendo o seu principal recurso a agricultura, onde o café era principal produto exportado, chegando presentar unha expansión deste negocio do 900%. Ademais, construíse durante o seu reinado unha ampla rede ferroviaria, sendo así o segundo país latinoamericano en implantar este tipo de transporte. A nivel bélico, chegou mesmo a posuír a cuarta maior armada do mundo.[14]
Durante os 59 anos de reinado de Pedro II, o Brasil saíu ben parado de tres guerras internacionais: a guerra grande, a guerra contra Aguirre e a guerra da Tripla Alianza, ademais de testemuñar a consolidación da democracia representativa, grazas sobre todo á realización de sucesivas eleccións e á liberdade de prensa. O proceso para extinguir a escravitude foi moito máis lento, ora que constante. Comezou en 1850 coa fin do tráfico internacional de escravos, mais a pesar dos efectos políticos e económicos decorrentes da derrota dos Estados Confederados na guerra civil americana durante a década de 1860, non foi até 1888, após un longo proceso de mobilización interna e de debate para a quitar lexitimidade moral e legal á escravitude, que esta foi formalmente abolida.
Con todo, dende a independencia a poboación escrava estaba en claro declive: en 1823, o 29% da poboación estaba composta por escravos, mais para 1887 esta porcentaxe reducírase até o 5%. A falta de man de obra a consecuencia da liberación dos escravos foi solucionada coa atracción de centenares de miles de inmigrantes, na súa maioría italianos e portugueses.[15] Cando o Imperio foi derrocado o 15 de novembro de 1889, houbo pouco interese por parte do pobo brasileiro en trocar a forma de goberno dunha monarquía a unha república xa que Pedro II estaba no auxe da súa popularidade entre a cidadanía,[16] aínda que xa nos anos 1870 comezaran a medrar os movementos republicanos. O golpe militar republicano foi apoiado polos antigos propietarios de escravos que se negaban a aceptar a abolición da escravitude pactada en 1888 polo goberno monárquico.
A República Vella e a era Vargas
Un golpe militar liderado polo republicano Deodoro da Fonseca depuxo a Pedro II o 15 de novembro de 1889, nomeándose así mesmo como o primeiro presidente de facto do país. Nun principio o goberno republicano non era senón unha ditadura militar, até que a nova Constitución promulgada en 1891 convocou eleccións directas para o ano 1894. Este documento tamén aboliu as restricións do dereito ao voto que existían no período monárquico, cando só se lles outorgaba a aqueles que tivesen un nivel de ganancias determinado. Porén, mantivo o carácter aberto e non secreto do voto, permitindo só a participación de homes alfabetizados, nunha época na que a maioría da poboación brasileira era analfabeta.[17] O país fíxose chamar República dos Estados Unidos do Brasil, sendo entre 1889 e 1930 os principais núcleos do país São Paulo e Minas Xerais, quen alternaron o control da Presidencia nun período coñecido so o nome de República do café con leite.
Durante o primeiro período de goberno republicano, o Brasil mantivo unha política exterior pacífica e neutral, que só foi interrompida pola guerra do Acre e a primeira guerra mundial.[18][19] A nivel local, por mor da burbulla económica do encilhamento[20][21][22] e da Revolta da Armada nos anos 1890,[23] iniciouse un ciclo prolongado de inestabilidade financeira, política e social que se estendería até a década de 1920, mantendo ao país arrasado por diversas rebelións que aos poucos minaron o réxime. Entre estas destacaron a Revolución Paulista, a Revolución do Forte de Copacabana, a Comuna de Manaus e a Columna Prestes.[24] Finalmente, en 1930, Getúlio Vargas, que fora candidato presidencial nas eleccións dese ano, liderou un golpe de estado e asumiu a presidencia da república co apoio dos militares.[25]
Vargas e os militares, quen aduciron asumir a presidencia temporalmente a fin de poñer en funcionamento reformas democráticas, disolveron o Congreso e continuaron o seu mandato baixo un estado de emerxencia, substituíndo aos gobernadores dos Estados polos seus aliados.[26] En 1932, co pretexto de poñer en funcionamento as promesas de reformas democráticas, a oligarquía paulista tentou recuperar o poder mediante unha revolta, e en 1935 os comunistas rebeláronse, mais ambos os movementos foron derrotados. No entanto, a ameaza comunista serviu de pretexto para impedir as eleccións previamente estipuladas, e tamén para que Vargas e os militares efectuasen outro golpe de estado en 1937, establecendo unha ditadura. En maio de 1938 houbo outro intento errado por tomar o poder, esta vez por parte dos fascistas brasileiros.[27]
O Brasil mantívose neutral durante os primeiros anos da segunda guerra mundial, mais diversos acontecementos levaron ao país a aliñarse en favor dos Estados Unidos durante a Conferencia de Río de 1942, rompendo relacións diplomáticas coas potencias do Eixo.[28] En represalia, as armadas da Alemaña nazi e a Italia fascista estenderon a súa campaña de guerra submarina ao Brasil. Despois de meses de continuos afundimentos de navíos mercantes brasileiros e a intensa presión pública, o goberno declaroulles a guerra en agosto.[29] Coa vitoria aliada e a fin dos dous réximes totalitarios europeos, a posición de Vargas tornouse insostible e foi rapidamente deposto por outro golpe militar. En 1946, a democracia foi restablecida e o xeneral Eurico Gaspar Dutra foi elixido presidente. Vargas regresou ao poder a finais de 1950 democraticamente elixido, mais suicidouse en agosto de 1954 no medio dunha crise política.
Era contemporánea
Varios gobernos provisionais breves sucederon ao falecido presidente Vargas. Juscelino Kubitschek converteuse en novo presidente en 1956, marcado pola campaña política cuxo lema era "50 anos en 5", asumindo unha postura conciliadora coa oposición política que lle permitiu gobernar sen crises importantes. A economía e o sector industrial creceron considerablemente, mais a súa maior conquista foi a construción da nova capital, Brasilia, inaugurada en 1960. O seu sucesor, Jânio Quadros, renunciou en 1961, menos dun ano despois de asumir o cargo, tomando o seu vicepresidente, João Goulart, a presidencia. Porén, isto suscitou unha forte oposición política, o que provocou que fose deposto por un golpe que resultou nun réxime militar.
A intención do novo réxime era ser transitorio, mais rematou por converteuse nunha ditadura plena coa promulgación da Lei Institucional Número Cinco (AI-5) de 1968. A censura e a represión en tódalas súas formas, incluíndo a tortura, non se restrinxiu tan só aos políticos opositores e aos militantes de esquerda, a súa acción alcanzou a todos aqueles a quen o réxime encaraba como opositores ou xente ligada a eles. Isto abrangueu practicamente a tódolos sectores sociais, entre eles artistas, estudantes, xornalistas, clérigos, sindicalistas, profesores ou intelectuais, alén dos propios militares e policías que demostrasen non estar aliñados co réxime. O réxime tamén participou na persecución internacional a disidentes suramericanos, en xeral a través da operación Cóndor, a cal practicou o terrorismo de Estado. A exemplo doutros réximes ditatoriais na historia, o réxime militar brasileiro atinxiu o auxe da súa popularidade nun momento de alto crecemento económico, que ficou coñecido como "milagre económico", intre que coincidiu co auxe da represión, nos coñecidos como anos de chumbo.
O desgaste natural de anos de poder ditatorial, que non abrandou a represión, sumado á incapacidade de lidar coas crises económicas e as presións populares, fixeron inevitable a apertura política do réxime, a cal foi conducida polos xenerais Ernesto Geisel, quen asumiu a presidencia en 1974 coa promesa dun proceso de redemocratización "lento, gradual e seguro". En 1978 anulou a Lei Institucional Número Cinco, aínda que o réxime militar continuou co seu sucesor, o xeneral João Figueiredo, para completar a plena transición cara á democracia. Coa promulgación da Lei da Marcha en 1979, o Brasil comezou amodiño a súa volta á democracia, que se completaría coa volta dos civís ao poder en 1985, cando José Sarney asumiu a presidencia. Con todo, Sarney nunca foi moi popular debido á continuidade da crise económica e hiperinflación herdadas do réxime militar. O mal resultado deste goberno permitiu a elección en 1989 do case descoñecido Fernando Collor, que posteriormente sufriría proceso de impeachment, fundamentado en acusacións de corrupción, polo Congreso Nacional brasileiro en 1992. Collor foi sucedido polo seu vicepresidente, Itamar Franco, que nomeou como Ministro de Facenda a Fernando Henrique Cardoso, quen creou o exitoso Plan Real que cal trouxo a estabilidade á economía brasileira.
En consecuencia, Fernando Henrique Cardoso foi elixido como presidente en 1994 e novamente en 1998. A transición pacífica de poder cara ao seu principal opositor, Luiz Inácio Lula da Silva, elixido en 2002 e reelixido en 2006, mostrou que o Brasil finalmente conseguiu alcanzar a súa procurada estabilidade política. En 2010, Dilma Rousseff converteuse na primeira muller elixida presidente, a segunda persoa en chegar á presidencia sen nunca antes disputar unha elección e a primeira en chegar á presidencia con plenitude democrática, tras outro goberno democrático que cumpriu o seu mandato completo.[30]
En xuño de 2013 comezaron a celebrarse moitas manifestacións populares, nas que centenares de miles de persoas saíron ás rúas de varias cidades. As protestas, que inicialmente eran para contestar os aumentos nas tarifas de transporte público, gañaron un grande apoio popular despois que as policías militares estatais reprimiran as manifestacións de forma violenta e desproporcionada. A partir de entón, as protestas tomaron maiores proporcións, pasando a abranguer unha gran variedade de temas, como os gastos públicos en grandes eventos deportivos internacionais, a mala calidade dos servizos públicos e indignación contra a corrupción política en xeral.