Célula NK
From Wikipedia, the free encyclopedia
As células NK, células natural killer ou células asasinas naturais son un tipo de linfocitos citotóxicos que son un dos principais compoñentes do sistema inmunitario innato. As células NK son moi importantes na loita contra tumores e na destrución de células infectadas por virus. Matan as outras células liberando o contido de pequenos gránulos citoplasmáticos constituído polas proteínas perforina e grancima, que causan a morte por apoptose (morte celular programada) da célula atacada.
As células NK defínense como grandes linfocitos granulares (LGL) e diferéncianse, xunto cos linfocitos B e T, a partir dunha célula proxenitora linfoide común (linfoblasto).[1] Non expresan os receptores antixénicos TCR típicos das células T nin o marcador Pan T CD3 nin a inmunoglobulina de membrana que funciona como receptor dos linfocitos B, pero xeralmente expresan os marcadores de superficie CD16 (FcγRIII) e CD56 en humanos, e os NK1.1 ou NK1.2 en ratos C57BL/6 (unha liña de ratos de laboratorio). Ata o 80% das células NK humanas expresan tamén o CD8.
Denomínanse natural killers ("asasinas naturais") debido á idea inicial de que non requirían activación para matar células que carecesen de marcadores do complexo maior de histocompatibilidade de clase I (CMH I ou, en inglés e máis usado MHC I) propios (do propio corpo).
As células NK son distintas das chamadas células T natural killer ou células NKT.