Célula dendrítica
célula inmunitarias dos mamíferos / From Wikipedia, the free encyclopedia
As células dendríticas son células inmunitarias que forman parte do sistema inmunitario dos mamíferos (fundamentalmente). A súa función principal é procesar os antíxenos e presentalos sobre a súa superficie a outras células inmunitarias para activalas, é dicir, funcionan como células presentadoras de antíxenos. Actúan como mensaxeiros entre o sistema inmunitario innato ou inespecífico e o sistema inmunitario adaptativo ou específico.
As células dendríticas están presentes nos tecidos que están en contacto co medio externo, como a pel (onde hai un tipo de células dendríticas especializadas chamadas células de Langerhans) e no revestimento interno das fosas nasais, pulmóns, estómago e intestinos. Tamén se poden atopar en estado inmaturo no sangue. Unha vez activadas, migran aos ganglios linfáticos onde interaccionan coas células T e B para iniciaren e modelaren a resposta inmunitaria específica ou adaptativa. En certos estados do desenvolvemento crécenlles proxeccións ramificadas, denominadas "dendritas non neuronais", que son as que lle dan a estas células o seu nome (δένδρον, dendron en grego significa 'árbore'). Estas dendritas son moi distintas das que teñen as neuronas, aínda que en aparencia parezan similares. As células dendríticas inmaturas tamén se chaman células veladas ou veliformes, xa que posúen grandes veos citoplasmáticos en vez de dendritas, que non lles medran ata máis tarde.