Calgary Flames
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Calgary Flames son un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Calgary, Alberta (Canadá). Os Flames xogan na National Hockey League (NHL), estando encadrados na Pacific Division da Conferencia Oeste. A franquía é o terceiro equipo de ligas profesionais de hóckey sobre xeo en representar a Calgary despois dos Calgary Tigers (1921–27) e os Calgary Cowboys (1975–77). Aínda que os Flames xogaron as súas tres primeiras tempadas en Calgary no Stampede Corral, dende 1984 xogan os seus partidos como local no Scotiabank Saddledome.
Calgary Flames | |
---|---|
Fundación | 1972 |
Cidade | Calgary, Alberta Canadá |
Estadio | Pengrowth Saddledome (19.289 espectadores) |
Liga | National Hockey League |
Conferencia | Oeste |
División | Pacific |
Campionatos | 1 (1988-89) |
Propietario(s) | Calgary Sports and Entertainment (N. Murray Edwards, presidente) |
Director | Brad Treliving |
Adestrador | Glen Gulutzan |
Afiliado(s) | Stockton Heat (AHL) Adirondack Thunder (ECHL) |
Cores | Vermello, ouro, negro, branco |
Na rede | |
http://flames.nhl.com/ | |
Fundados en 1972, ata 1980 foi coñecido como Atlanta Flames por ter a súa sede en Atlanta, Estados Unidos, mentres estivo en Atlanta sempre ocupou a parte baixa da liga, sen gañar nunca unha serie. En 1980 o equipo mudouse a Calgary e nese ano gañou as súas dúas primeiras series nos play-offs. Dende a súa fundación, os Flames xogaron tres veces as finais da Stanley Cup (1986, 1989 e 2004), gañando o título en 1989. Manteñen unha forte rivalidade cos seus veciños de Alberta, os Edmonton Oilers, coñecida como the Battle of Alberta (en galego a batalla de Alberta).
Na tempada 1985–86, os Flames convertéronse no primeiro equipo de Calgary dende que na tempada 1923-24 os Tigers competiran polo título da Stanley Cup. O equipo gañou unha vez a Stanley Cup, amais de conseguir tres títulos de conferencia e cinco títulos de división. Os Flames gañaron dúas veces o Presidents' Trophy como mellor equipo da liga regular. Individualmente, Jarome Iginla é o líder da franquía en partidos xogados, goles, e puntos, e gañou dúas veces o Maurice Richard Trophy como máximo goleador da liga. Miikka Kiprusoff conseguiu o maior número de vitorias dun porteiro coa camisola dos Calgary Flames. Nove xogadores relacionados cos Flames foron introducidos no Hockey Hall of Fame.