competición de fútbol galega From Wikipedia, the free encyclopedia
O Campionato de Galicia foi a máxima competición regular de fútbol do país durante as primeiras décadas do século XX. O seu precursor foi o Campionato de Galicia non oficial organizado polo Vigo Foot-ball Club entre 1905 e 1912. A partir de 1913, a Federación Galega de Fútbol comezou a organizar o campionato galego de xeito oficial. Dende a segunda edición oficial, o torneo outorgaba a clasificación para a Copa de España, de manera semellante aos outros campionatos territoriais do resto do estado. A medida que o campionato foi crecendo, fóronse creando varias divisións inferiores (Serie B e Serie C), recibindo o nome de Serie A a primeira categoría. Durante certo tempo, o torneo coexistiu co actual sistema de ligas estatais creado en 1929. Foi eliminado en 1940 por decisión da FEF.
Tipo | competición futbolística |
---|---|
Deporte | fútbol |
Organizador | Real Federación Galega de Fútbol |
Liga inferior | Campionato de Galicia da Serie B |
Localización e Datas | |
País | España |
Vixencia | 1913 – 1940 |
O Campionato de Galicia comezou a organizarse no ano 1905 de forma non oficial, xa que aínda non existía a Federación Galega de Fútbol, e foi un dos torneos pioneiros do fútbol galego xunto á Copa Compostelá, a Copa Pontevedra e o Campionato de Galicia e Asturias xogado na Coruña.[1] O torneo era organizado polo Vigo Foot-ball Club e para participar na competición tan só era preciso que o club estivese legalizado.[2] O trofeo en disputa era unha copa de prata de once quilogramos sostida por unha peaña de ébano, a cal foi doada polo rei Afonso XIII despois dunha petición dos organizadores, feito que provocou que naquela altura o campionato fose coñecido tamén como Copa do Rei.[3]
Na primeira edición do campionato, xogaron a final o Fortuna Foot-ball Club e mailo Vigo Foot-ball Club,[4] sendo proclamado campión o Fortuna varios meses despois,[5][6] tras diversos enfrontamentos entre as directivas de ámbolos dous clubs.[7][8][9] No torneo do ano seguinte xogan a final os dous mesmos equipos, e despois de dous partidos rematados con empate,[10][11] o Fortuna gañou un terceiro encontro e revalidou o título.[6][12] A terceira edición do campionato foi xogada en formato de liga, proclamándose campión o Vigo F.C. e subcampión o Fortuna.[13][14] O Vigo volveu gañar o torneo ao ano seguinte tras vencer na final ao Pontevedra Sporting Club.[14][15] Na quinta edición foi campión o Fortuna de Vigo despois de gañar a semifinal contra o Español F.C. de Vigo e que non se presentase á final o Victoria de Pontevedra.[16][17] O Fortuna volveu gañar ao ano seguinte en circunstancias parecidas, xa que o Real Club Coruña non se presentou para disputar a final do torneo.[18] A sétima e derradeira edición do torneo foi gañada polo Fortuna fronte ao Vigo tras unha final a dobre partido, ficando os fortunistas co trofeo en propiedade despois desta vitoria.[19][20]
Cando rematou a disputa do primeiro trofeo, o rei Afonso XIII doou unha nova Copa do Rei ao Vigo Foot-ball Club para que a puxese en disputa nas vindeiras edicións do Campionato. A nova copa, que viña gardada nun elegante estoxo, era de prata dourada cunha peaña de madeira vernizada e tiña gravado o emblema do monarca e a inscrición “Vigo Foot-ball Club. Premio de S.M. el Rey”.[21][22] O Vigo non chegou a organizar un novo campionato e decidiu doar esta copa á Federación Galega de Fútbol para que fose o premio do primeiro Campionato de Galicia oficial.[23][24] A cambio desta doazón e da renuncia a calquera intervención deportiva ou económica na organización do Campionato, a Federación entregaría ao Vigo F.C. outra copa para que este organizase un concurso provincial.[25]
A Federación Galega de Fútbol comezou a organizar o torneo de xeito oficial a partir da tempada 1913/14.[26] Unicamente se inscribiron o Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo,[27] resultando gañador do torneo o Vigo Sporting.[28][29][30] Nesta edición non se outorgaba a representanción galega no Campionato de España, que xa fora dirimida noutra competición eliminatoria xogada con anterioridade á data de realización do Campionato de Galicia,[31][32] dado que na Asemblea da Federación se establecera que ambas as dúas competicións fosen disputadas separadamente.[25]
No torneo da seguinte tempada, o Real Club Coruña sufriu unha polémica descualificación[33] que logo foi revogada pola RFEF[34][35] aínda que non deu tempo para facer efectiva a decisión do órgano estatal[36] e finalmente proclamaríase campión o Fortuna de Vigo. Dende esta segunda edición do campionato, ademais da disputa do propio título de campión galego, o torneo tamén servía para obter a clasificación para a Copa de España.[37]
No verán de 1915, unha selección de xogadores do Vigo Sporting e do Fortuna de Vigo acudiu a Lisboa para xogar un partido amigábel despois de recibir unha invitación. Os regulamentos da RFEF acabados de aprobar obrigaban a notificar a disputa de encontros internacionais con 15 días de antelación.[38][39] Os xogadores viaxaron igualmente a Lisboa e a FGF notificou o asunto á RFEF, a cal autorizou á FGF para que impuxese as sancións que considerase oportunas “tendo presente que prefería que sufrise menoscabo o prestixio do Comité Nacional a que se causase prexuízo ao desenvolvemento da vida futbolística galega”.[40] A FGF sancionou o Vigo Sporting, suspendendo da competición a todos os seus equipos durante un ano e impoñendolle unha multa de 500 pesetas, namentres que os seis xogadores do Fortuna que viaxaron a Lisboa foron sancionados de xeito indiviual, sendo suspendidos por un ano, e o Fortuna como club non foi sancionado.[38][41] Algúns clubs pediron até en dúas ocasións que se realizase unha asemblea para discutir o tema, sendo denegadas as respectivas peticións pola directiva da FGF.[40][42] Neste contexto e xa no mes de novembro, o Deportivo Auténtico e o Real Club Coruña, que ían participar no Campionato de Galicia desa tempada xunto co Fortuna,[43][44] retiráronse do mesmo e formaron a Unión Galega de Clubs xunto co Vigo Sporting,[40] organizando un campionato propio no que tomaron parte os tres clubs desconformes coa FGF.[45][46] Este Campionato da Unión foi coñecido tamén como o campionato de honra[47] e foi gañado polo Vigo Sporting. Por outra parte, despois de se retiraren o Deportivo Auténtico e o Coruña, o comité da FGF proclamou campión oficial ao Fortuna sen ter que xogar ningún partido.[48][49]
No mes de febreiro de 1916, o comité nacional da RFEF decidiu levantar a sanción que impuxera a FGF ao Vigo Sporting e aos xogadores do Fortuna.[50][51] Ese mesmo mes foi celebrada unha asemblea extraordinaria da RFEF, na que a representación da FGF entregou un escrito en protesta e abandonou a reunión.[52][53] As outras tres federacións que conformaban a RFEF (Cataluña, Norte e Centro) acordaron dar de prazo ata o 15 de marzo para que a FGF arranxase o problema do fútbol galego ou sería expulsada da federación estatal.[53][54] Galicia foi excluída da Copa de España por non solucionar os seus problemas internos antes da devandita data.[55] A final do campionato, que nun principio estaba planeado que se xogase en Galicia, foi trasladada finalmente a Barcelona.[56] A directiva da FGF presentou a súa dimisión e foi elixida unha nova directiva.[57] Finalmente, unha asemblea da FGF en xuño de 1916 decidiu anular o Campionato de Galicia 1915/16 e non considerar campión ao Fortuna nin a ningún outro equipo.[58]
O campionato da tempada 1917/18 foi gañado polo Fortuna de Vigo,[59][60] pero posteriormente sería anulado. Na edición de 1918/19 proclámase campión o Vigo Sporting, que tamén gañara o campionato da tempada 1916/17, correspondéndolle dese xeito a Copa do Rei en propiedade por ser o primeiro club en gañar tres veces o campionato.[48][49] O Fortuna, campión da temporada anterior, négase a entregar o trofeo ao Vigo Sporting, argumentando que o Fortuna é o posuidor lexítimo do torneo baseándose en que o campionato non disputado da tempada 1915/16 fora outorgado pola directiva da FGF (decisión que fora anulada posteriormente, cando se arranxou o problema xurdido aquela tempada[58]) ao club fortunista e polo tanto foi este o primeiro en gañar tres veces o campionato. A FGF ordena que o Fortuna entregue o trofeo, pero estes non aceptan a decisión e son excluídos do campionato polo órgano federativo. O Fortuna agarda entón por unha decisión da RFEF, que non dá chegado, ante o cal decide abandonar a FGF e unirse á Liga Rexional de Clubs de Fútbol.[61][62][63] Paralelamente, o Fortuna formaliza unha queixa ante o gobernador civil da provincia de Pontevedra, que anula a asemblea da FGF de decembro de 1918 por irregularidades na representación do Pontevedra Athletic Club e do Deportivo da Coruña.[64][65][66][67] En novembro de 1919, celébrase unha asemblea da FGF na que se anula o Campionato de Galicia 1917/18 que gañara o Fortuna.[68][69][70] Noutra nova asemblea levada a cabo no mesmo mes, considérase ao Pontevedra Athletic herdeiro dos dereitos federativos do Pontevedra Sporting Club e ao Deportivo da Coruña herdeiro dos dereitos federativos do Deportivo Auténtico.[71] En xuño de 1920, anúnciase un acordo entre o Fortuna e o Vigo para solucionaren o problema do trofeo, segundo o cal o Fortuna reingresaría na FGF séndolle perdoadas as sancións, aínda que tendo que pagar o que debe, e a Copa do Rei sería posta outra vez en disputa.[72] Porén, o acordo final non se acadaría até decembro do mesmo ano, cando se pactou que o Fortuna entregaría o trofeo á FGF, esta ao Vigo Sporting, e este último á RFEF en propiedade.[73]
O torneo da tempada 1919/20 xogouse mentres o Vigo e o Fortuna mantiñan o litixio pola Copa do Rei. Nesta edición inicialmente ían participar o Vigo Sporting, o Deportivo da Coruña, o Real Club Coruña e o Pontevedra Athletic,[71] pero o Coruña retirouse do campionato antes da primeira xornada[74] e o Athletic non se presentou a xogar os partidos,[75] ficando o torneo nun cara a cara entre o Vigo e o Deportivo, do que saíu campión o equipo vigués.[76][77] O Fortuna non puido participar por estar fóra da FGF naquel momento.
Nun principio o Campionato só constaba dunha categoría pero a partir da tempada 1919/20 pasou a constar de dous divisións: a Serie A e a Serie B,[78] e en 1923 celebrouse por primeira vez unha terceira categoría: a Serie C.[79][80] Entre todas estas categorías realizábanse ascensos e descensos, de forma semellante ao sistema de divisións da Liga española de fútbol aparecido en 1929.
As edicións de 1920/21 e 1921/22 foron gañadas polo Fortuna de Vigo[81][82] e a edición de 1922/23 foi gañada polo Vigo Sporting,[83] sendo esta a última edición xogada antes da fusión de ambos os clubs para formaren o Celta de Vigo. A partir deste suceso, o ata daquela tradicional dominio no campionato compartido polo Fortuna e Vigo Sporting dará paso á nova alternancia entre o Celta e o Deportivo da Coruña. A rivalidade entre estes dous equipos comeza axiña xa que varios xogadores do Vigo Sporting (Luis Otero, Chiarroni e Ramón González) non aceptan incorporarse ao novo club vigués xurdido da fusión e deciden fichar polo Deportivo, producindo unha denuncia do Celta ante a FGF que descualifacará o Deportivo da edición 1923/24,[84] decisión que será revogada pola RFEF despois dun recurso do club herculino.[85][86][87][88] Durante este periódo o Celta de Vigo domina o campionato e gaña tres torneos consecutivos entre 1923 e 1926.[89][90][91] En 1927 o Deportivo consegue o seu primeiro campionato[92] e gaña tamén a seguinte edición en 1928.[93][94] O Racing de Ferrol conseguiu romper o dominio destes dous clubs e gañou o campionato 1928/29.[95] Entre 1929 e 1934, o Celta gañou tres campionatos e o Deportivo outros dous.[96][97][98][99][100]
En 1934, a FEF leva a cabo unha reestruturación do fútbol estatal e crea unha serie de campionatos interrexionais, denominados oficialmente Superrexionais, situados xerarquicamente por riba dos campionatos rexionais tradicionais (agás no caso do Campionato de Cataluña, que mantén o seu nivel de facto ao integrar en exclusiva un único grupo Superrexional) e nos cales tomarán parte os equipos máis potentes que ata entón participaban nos respectivos campionatos rexionais.[101][102][103][104][105] Galicia e Asturias son agrupadas no Superrexional Grupo 1º, coñecido popularmente como Campionato Mancomunado Galaico-Ástur, ficando encadrados na primeira edición disputada na tempada 1934/35 os clubs Celta de Vigo, Deportivo da Coruña e Racing de Ferrol,[106] aínda que o torneo foi interrompido debido a problemas políticos en Asturias, onde tivo lugar a Folga xeral revolucionaria de 1934. Como resultado dividiuse o torneo en dous grupos paralelos: o galego e o asturiano,[107] nos que o Celta e o Oviedo F.C. resultaron gañadores respectivamente.[108] Así e todo, este non se pode denominar Campionato de Galicia, xa que nel tan só competían os tres clubs que formaban o sector galego do campionato superrexional. O Campionato de Galicia da Serie A foi gañado polo Unión Sporting Club de Lavadores.[109]
Ao ano seguinte volveuse disputar o Campionato Mancomunado Galaico-Ástur. Esta vez a representación galega estivo formada polo Celta, o Deportivo e o Unión Sporting, que como consecuencia non participaron no Campionato de Galicia. Sería o Oviedo F.C. quen gañaría o mancomunado galaico-asturiano, finalizando o Unión Sporting subcampión.[110] Esta sería a derradeira vez que se disputou. O 29 de maio de 1936, galegos e asturianos solicitaron a división do grupo superrexional perante a Asemblea anual da Federación Española de Fútbol, séndolles concedida.[111][112] Ao mesmo tempo, disputouse o Campionato de Galicia e foi gañado polo Club Lemos.[113] Neste mesmo ano, dispútase a primeira Copa Galicia, tomando parte nela os equipos que participaran nos dous devanditos campionatos.
En xullo de 1936 estala a Guerra Civil e en outubro a FEF suspende as competicións a nivel estatal, pero permitindo ás federacións territoriais organizar as súas propias competicións oficiais se a situación así o permite.[114] Galicia, ao estar afastada da fronte de batalla, continúa a desenvolver actividade futbolística malia as graves dificultades por mor da guerra. Así pois, a Asemblea da FGF decide organizar o Campionato de Galicia da tempada 1936/37,[115] no que se proclama campión o Deportivo da Coruña.[116]
Na primavera de 1937, constitúese unha FEF paralela na zona golpista, presidida por Luciano Urquijo e con sede en Donostia,[117][118] que intenta asumir as prerrogativas da FEF con sede en Madrid, aínda que daquela dirixida dende a delegación de Barcelona. Prodúcese entón unha dualidade federativa, que a FIFA acaba aceptando de forma provisional.[119] Galicia, ao atoparse na área controlada polos sublevados, queda baixo a xurisdición da FEF de Donostia. En decembro, Urquijo declara que deu instrucións ás federacións territoriais para organizaren campionatos desa categoría.[120][121][122] A FEF de Donostia dá instrucións para reorganizar as federacións territoriais, nomeando un xestor único, cuxa primeira misión será a de organizar as competicións oficiais.[123][124][125]
A edición 1937/38, titulada Copa Corpo de Exército de Galicia,[126][127] é gañada polo Racing de Ferrol.[128] O torneo de 1938/39 é gañado tamén polos ferroláns,[129] outorgándolle a clasificación para a recentemente estreada Copa do Xeneralísimo, na que os racinguistas chegaron á final.
Ao finalizar a guerra, os campionatos disputados durante a mesma en ambas as zonas (sublevada e gobernamental) non foron anulados, aínda que non se tiveron en conta para os efectos de ascensos e descensos de categoría (Circular nº 3 de 12 de agosto de 1939), do mesmo xeito que a situación legal das licenzas de xogadores retrotraeu á existente ao fin da tempada 1935/36 (Asemblea da FEF do 22, 23 e 24 de xullo de 1939).[114]
Acabada a guerra e co réxime franquista xa instaurado, xogouse a derradeira edición do campionato, correspondente á tempada 1939/40, proclamándose campión o Deportivo da Coruña e subcampión o F.C. Vigués.[130]
Para a tempada 1940/41, o Comité Directivo da FEF presidido por Luis Saura del Pan (médico e ex xogador do Real Madrid) decidiu suprimir de facto todos os campionatos rexionais, agás o canario, excluíndo de participar nos mesmos aos equipos encadrados no campionato estatal de Liga[131][132] e modificando o sistema de clasificación para a Copa de España, que sería outorgada segundo a posición final acadada na propia Liga.[131][133] Deste xeito, a Serie A —rebautizada como Preferente décadas máis tarde— converteuse na primeira división territorial galega dentro da Liga española. Antes desta reestruturación, os equipos galegos que participaban nas ligas estatais continuaban a participar simultaneamente no Campionato de Galicia, coa excepción das tempadas 1934/35 e 1935/36, que o fixeron no Galaico-Ástur.
Despois da eliminación do campionato, a Federación Galega de Fútbol organizou varias edicións da Copa Galicia durante o século XX, aínda que en moitas delas non participaron os equipos galegos que militaban nas divisións estatais máis altas (1ª e 2ª). Xa no século XXI, volveuse recuperar un torneo de equipos galegos de fútbol no ano 2006 coa creación da Copa Xunta de Galicia, que despois pasaría a chamarse Copa Galiza, pero este proxecto durou poucas edicións.
Campionato de Galicia (organizado polo Vigo F.C.) | |||
---|---|---|---|
Tempada | Edición | Campión | Subcampión |
1905-06 | I | Fortuna de Vigo | Vigo F.C. |
1906-07 | II | Fortuna de Vigo | Vigo F.C. |
1907-08 | III | Vigo F.C. | Fortuna de Vigo |
1908-09 | IV | Vigo F.C. | Pontevedra Sporting Club |
1909-10 | V | Fortuna de Vigo | Victoria F.C. |
1910-11 | VI | Fortuna de Vigo | Real Club Coruña |
1911-12 | VII | Fortuna de Vigo | Vigo F.C. |
Club | Campión | Subcampión | Títulos (tempadas) |
---|---|---|---|
Deportivo da Coruña | 6 | 7 | 1926-27, 1927-28, 1930-31, 1932-33, 1936-37, 1939-40 |
Celta de Vigo | 6 | 6 | 1923-24, 1924-25, 1925-26, 1929-30, 1931-32, 1933-34 |
Vigo Sporting | 5 | 2 | 1913-14, 1916-17, 1918-19, 1919-20, 1922-23 |
Fortuna de Vigo | 3 | 3/4 (?) | 1914-15, 1920-21, 1921-22 |
Racing de Ferrol | 3 | 2 | 1928-29, 1937-38, 1938-39 |
Club Lemos | 1 | 1 | 1935-36 |
Unión Sporting Club | 1 | 0 | 1934-35 |
Pontevedra Athletic Club | 0 | 1 | |
F.C. Vigués | 0 | 1 | |
Club Coruña | 0 | 1 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.