Caolinita
From Wikipedia, the free encyclopedia
A caolinita[4] é un mineral da arxila, de uso industrial, que ten a composición química Al2Si2O5(OH)4. É un mineral do grupo dos filosilicatos constituído por capas, formado por unha lámina tetraédrica (t) de sílice (SiO4) que está unida por átomos de oxíxeno a unha lámina octaédrica (o) de alúmina (AlO6).[5] estas capas t-o son neutras electricamente e están unidas ás seguintes por enlaces de Van der Waals.[6]
Caolinita | |
---|---|
Caolinita | |
Fórmula química | Al2Si2O5(OH)4 |
Clase | Silicatos |
Subclase | Filosilicatos (grupo da caolinita-serpentina |
Sistema cristalino | triclínico[1][2][3] |
Cor | branca; ás veces con tons vermellos, marróns, azuis polas impurezas |
Brillo | de perlado a terroso |
Dureza | 2-2,5 |
As rochas ou depósitos sedimentarios que son ricos en caolinita denomínanse caolín.[7] No caolín o mineral máis abundante é a caolinita, pero tamén contén menores proporcións doutros minerais da arxila moi similares. O nome caolín considérase que deriva do chinés Kao-Ling (高岭/高嶺, en pinyín Gāolǐng, que significa 'montañas altas'), que é unha vila preto de Jingdezhen, na provincia de Jiangxi, China.[8] O nome kaolin foi publicado en 1727 nos informes de Jingdeshen escritos en francés polo xesuíta Francois Xavier d'Entrecolles, nos que se explicaba a fabricación da porcelana.[9]
A caolinita, a diferenza doutros minerais das arxilas, ten unha baixa capacidade de cambiar de volume por inchamento e encollemento e unha baixa capacidade de intercambio de catións (1–15 meq/100 g). É un mineral xeralmente branco, suave, terroso, un filosilicatro da arxila dioctaédrico (cada oxíxeno ou grupo OH está rodeado por só dous catións[6]), producido por alteración química dos minerais de aluminosilicatos como o feldespato. En moitas partes do mundo, ten unha cor entre rosa, laranxa e vermello debido á presenza de óxido de ferro, o que lle dá un claro ton de óxido. En concentracións baixas toma cor branca, amarela ou alaranxada clara. Ás veces aparece con capas alternantes en cor, como no xacemento de Providence Canyon State Park en Xeorxia, Estados Unidos. O caolín comercial subminístrase e transpórtase como po seco, nódulos semisecos ou como líquido de consistencia lodosa. Utilízase na industria do papel, porcelana e cosmética, principalmente.